22 abr 2013

Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Proxección e andaina.


Acto: Proxección "Sete Camiños. A encrucillada do tempo"
Día: 25 de abril
Hora: 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

As “I Xornadas sobre Patrimonio” organizadas ao longo deste mes de abril para dar a coñecer iniciativas para a defensa e valorización do patrimonio galego rematan esta semana con dúas actividades relacionadas cunha interesante iniciativa, a do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é un proxecto ideado para valorizar unha área que abrangue os concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa onde, ademais do importante valor natural, paisaxístico e etnográfico da zona, existen numerosos xacementos arqueolóxicos.
Entre os xacementos arqueolóxicos que podeamos atopar neste espazo están o Complexo rupestre do Pornedo, o Complexo rupestre do Piñeiral de Caeiro, os Petróglifos dos Sete Camiños, o Complexo rupestre do Regato dos Buratos/Outeiro da Mina, os Petróglifos da Cachada do Vello, os Petróglifos de Pumariño, o Abrigo rochoso da Campá, , as Mámoas de Chan da Lagoa nº1 e 2 e a Mámoa de Catadoiro.
O proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta co apoio de máis dunha vintena de colectivos veciñais, sociais e culturais da comarca.
Proxección do documental “Sete Camiños. A Encrucillada do tempo”
O xoves 25 de abril a partir das 20h proxectarase na biblioteca de Marín o documental “Sete Camiños. A encrucillada do tempo”. Este documental estreado o 13 de xaneiro de 2012 en Pontevedra ponlle voz e imaxes a un proxecto sustentábel que supón unha estratexia colectiva na súa aposta pola xestión racional dos montes, pola revalorización do patrimonio que estes albergan, e por unha visión a longo prazo que garanta unha digna herdanza para as xeracións futuras.
Ao longo de 45 minutos, o documental xustifica a necesidade de conservar os diferentes elementos patrimoniais existentes no contorno dos Sete Camiños, do Monte Pornedo e do Monte Catadoiro: xacementos arqueolóxicos, como mámoas e petróglifos; vestixios etnográficos, como valados, fontes ou restos de antigas canteiras; lendas tradicionais, no eido do patrimonio inmaterial; e elementos naturais de interese, entre os que destacan miradoiros ou formacións rochosas singulares.
Sete Camiños. Encrucillada do tempo” é unha coprodución da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e Faro de Ons Producións. O realizador e arqueólogo Lukas Santiago e máis o antropólogo e economista Rafael Quintía, son os responsábeis do guión e da dirección deste traballo audiovisual, que tamén conta con João Bieites na realización técnica.
Na proxección contaremos coa presenza dos membros da comisión técnica para a creación do espazo, Rafael Quintía (antropólogo, economista, codirector e coguionista do documental, membro da SAGA e da comisión técnica), João Bieitez (profesor de plástica e audiovisuais, corealizador do documental, membro da SAGA), Lukas Santiago (arqueólogo, realizador, codirector e coguionista do documental, membro da SAGA e da comisión técnica) e Paz Castro (xornalista, membro da comisión técnica e colaboradora da SAGA) así como tamén Francisco Currás membro da comisión técnica e socio da Asociación Queremos Galego.
Andaina polo Espazo dos Sete Camiños.
Para o sábado 27 está programada unha andaina polo espazo dos Sete Camiños para coñecermos de primeira man a riqueza natural, etnográfica e arqueolóxica deste interesante proxecto. A saída terá lugar ás 17h desde a área de lecer do Pornedo e ten a particulariedade de que os e as asistentes á andaina poderán disfrutar dos petróglifos do Pornedo durante o solpor. A andaina será guiada por Rafael Quintía un dos membros da comisión técnica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario