5 sept. 2018

Presentación “Onde estarán as fermosas roseiras?”


Presentación “Onde estarán as fermosas roseiras?”
Día: 14 de setembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo retoma a súa actividade cunha homenaxe dentro das súas Xornadas-Reencontro coa Historia de Marín, ao poeta e compositor Manuel Cambeiro Suárez.
Na homenaxe ,que terá lugar na Biblioteca de Marín o día 14 de setembro ás 20h, será presentado o libro 'Onde estarán as fermosas roseiras?' legado do poeta, escritor e compositor Manuel Cambeiro Suárez (1920-199). A presentación estará a cargo do fillo do autor Carlos Cambeiro Alís. 
Durante o acto haberá un recital poético no que intervirán: Enriqueta Otero Molas, presidenta da APRDMH; Tesi L. Carragal, presidenta de Mulleres O Abeiro e a poetisa Manola Vázquez.
Ademais do recital, o acto tamén contará cun concerto da Coral Polifónica de A Guarda, dirixida por Rosa González Fernández que interpretará a canción “Miña Galicia” do autor do poemario.

Mercado Solidario Marín 3R


Mercado Solidario Marín 3R
Día: 9 de setembro
Hora: 10h
Lugar: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: O Abeiro
O próximo domingo día 9 de setembro, coincidindo coas festas da Virxe do Porto, terá lugar o mercado solidario Marín 3R na Alameda Rosalía de Castro de 10h a 22h. Como sempre este mercado solidario está organizado pola Asociación de Mulleres O Abeiro. Nesta ocasión haberá uns 30 postos nos que se poderá mercar desde bisutería, roupa, calzado, xoguetes ata mobles recuperados e antigüidades.
O Abeiro obsequiaralle ás persoas que máis colaboren solidariamente en beneficio das 3R cunhas bolsas de tea recicladas, patrocinadas polo Concello de Marín.
As ‘abeiranas’ con este agasallo procuran conseguir que a xente se conciencie no uso das bolsas reutilizables e non usen as de plástico polas que os supermercados veñen cobrando.

14 ago. 2018

Homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota


Homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota
Día: 18 de agosto
Hora: 11:30h
Lugar: Rúa da Roda
Organiza: Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza un acto de lembranza e homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez, “A Capirota”, veciña de Marín asasinada no macabro verán de 1936 no Pozo da Revolta, no lugar de Bagüín. Muller valente e loitadora polos dereitos das traballadoras e traballadores, a barbarie fascista acalou a súa voz reivindicativa de xeito vil e covarde; mais non a borraron da memoria de Marín, nin puideron evitar que chegara o exemplo e a semente da súa vida inmolada por berrar as inxustizas.
Durante o acto, que será o vindeiro sábado 18 de agosto e comezará ás 11:30 h., atendendo ao acordo unánime do Pleno do Concello de Marín celebrado o pasado 9 de maio, terá lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa na nova Praza e Xardín que levará o nome da nosa veciña na Rúa da Roda, coa presenza e participación de familiares da homenaxeada.
Tras a presentación e benvida a cargo da presidenta da asociación, Enriqueta Otero, haberá unha intervención de Xina Vega, profesora da Universidade de Vigo e investigadora, e unha actuación de Xistra, dúo de música clásica e contemporánea, e de Picuíña, cuarteto tradicional de gaita.

2 jul. 2018

Acto de entrega dos Premios Lingua 2018


Acto de entrega dos Premios Lingua 2018
Día: 6 de xullo
Hora: 21h
Lugar: Bar Lorenzo (Taberna da Potona)
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín entregará os Premios Lingua deste ano nun acto o venres, 6 de xullo, a partir das 21h no bar Lorenzo (Taberna da Potona) localizado na rúa Sagrada Familia nº5 de Cantodarea.
Con eles, a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e colectivos que contribúen á normalización, dignificación e valorización da nosa lingua, cultura e medio. Por outra banda, pretende concienciar os premiados co Premio Lingua de Trapo dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, da importancia da nosa lingua e da seriedade do seu estado de saúde.
Como en anos anteriores foron varios os nomes de persoas e colectivos que saíron á palestra para recibir o premio, mais finalmente os membros da asociación decidiron concederlle este 2018 os seus premios a:
·         Premio Lingua de Ouro na categoría individual para Raúl Pesqueira Fariña, artesán de xoiaría marinense que, continuando unha longa tradición familiar, rexenta o seu propio taller de xoiaría en Marín. Raul Pesqueira inspírase nos motivos patrimoniais de Marín para crear diferentes tipos de alfaias cos que promocionar e descubrirlle á xente o noso patrimonio. Alén disto, este xoieiro atende, realiza toda a comunicación, difusión, promoción e documentación do seu taller en lingua galega.
·         Premio Lingua de Ouro na categoría de colectivos para Os Saljariteiros de Marín. Concedémoslles este premio por faceren da música tradicional a súa razón de ser, contribuíndo de xeito importante á normalización da nosa lingua e á preservación e recuperación de tradicións musicais como os cantos de taberna, seráns, cantos de reis e outras manifestacións culturais que cómpre preservar para o futuro.
·         Premio Lingua de Trapo para o concelleiro de rural Pablo Novas Caballero por mal entender como parte das súas funcións públicas de representación institucional e tarefas políticas, a recollida “a eito” da toponimia e microtoponomia, de xeito totalmente acientífico, sen contrastar e sen asesoramento técnico lingüístico.
A Asociación Queremos Galego Marín reclama neste senso, como xa o fixo noutras ocasións, a contratación dun servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín, e que se ocupe, coordine e dirixa tarefas como a da recollida da toponimia e a microtoponimia con criterios lingüísticos contrastábeis.
Durante o acto de entrega dos premios, a Asociación Queremos Galego Marín tamén realizará unha pequena homenaxe póstuma á marinense Concepción Sanjorge Couso,  Concha “Cara Lavada”, falecida en abril deste ano.
Neste acto, no que colabora o Concello de Marín, as persoas e colectivos premiados recollerán unha figura realizada polo taller de cerámica marinense Alén das Olas.


Presentación “Ons no meu corazón”


Presentación “Ons no meu corazón”
Día: 4 de xullo
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo organiza a presentación do novo libro do xornalista local Julio Santos Pena, “Ons no meu corazón”, nun acto que terá lugar o vindeiro mércores, 4 de xullo, ás 20:30h no Museo Manuel Torres de Marín.
O libro recolle unha serie de vicisitudes, anécdotas e relatos vividos polo autor na principal illa do arquipélago das Ons durante os anos que exerceu alí como mestre de escola.
No acto, que será presentado por Ángel García Carragal, intervirán ademais do autor do libro, Artur Sánchez Cidrás, mestre xubilado, e Lupe García Prieto, licenciada en filoloxía galega.

28 jun. 2018

Proxección do documental “A ameaza do cobre”


Proxección do documental “A ameaza do cobre”
Día: 29 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
Este venres, 29 de xuño, o Ateneo Santa Cecilia proxectará ás 20:30h no seu local, situado na rúa do Forno nº42, o documental “A ameaza do cobre” de Xosé Bocixa.
No documental, de case una hora de duración, trátase o conflito xurdido nos concellos de Touro e O Pino e a súas contornas, ante o megaproxecto de Cobre San Rafael, da man da multinacional Atalaya Mining, pretende reabrir as vellas minas de cobre que terán un forte impacto medioambiental, económico e social na zona.
O filme, elaborado por Tingalaranga Audiovisual en colaboración con Nós TV, recolle testemuños de científicos, alcaldes, empresarios e habitantes dos municipios afectados.
Ao rematar a proxección do documental haberá un debate no que participarán os autores do documental.


26 jun. 2018

Presentación de “Los créditos del equilibrio”


Presentación de “Los créditos del equilibrio”
Día: 29 de xuño
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
O Museo Manuel Torres de Marín acollerá o venres, 29 de xuño,  a presentación do poemario “Los créditos del equilibrio” do escritor marinense Benito Piñeiro.
No acto, que terá lugar a partir das 20h, o autor estará acompañado da poeta Carmen Quinteiro e o editor do libro, Ángel Marcelo.

25 jun. 2018

Presentación de “O Diario Galego”


Presentación de “O Diario Galego”
Día: 26 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Almuinha
A Asociación Cultural Almuinha organiza este martes, 26 de xuño, a presentación de “O Diario Galego” o novo xornal que publicará cinco días á semana a empresa Sermos Galiza S.A.
No acto, que comezará ás 20:30h na biblioteca de Marín, participarán Mariola González Fernández (activista cultural), José Antonio Pazos (mestre do colexio O Sequelo) e Xoan Colazo (membro do Consello de Administración de Sermos Galiza).
O Diario Galego terá entre os seus principios:
O DIARIO GALEGO defenderá os intereses galegos e estará escrito na lingua propia de Galiza. Será un medio de comunicación nacional, profesional e colaborativo que proporcionará información xeral.
O DIARIO GALEGO aspira a formular temas que se botan en falta na axenda mediática do país, como poden ser traballo, cultura, ecoloxía, feminismos, lingua, diáspora, economía, memoria, historia, dereitos e liberdades civís.
Caracterizarase por manter unha mirada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega e por contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.
O DIARIO GALEGO propiciará o diálogo entre xeracións dirixíndose a un público cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado pero que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Falará de canto lles afecta e preocupa, ou mellor, facilitará que se expresen libremente esas galegas e galegos que procuran un cambio de seu para Galiza.  
O DIARIO GALEGO terá unha distribución das novas arredor de catro módulos de información (país, mundo, cultura e axenda), evitando así as seccións pechadas dos medios tradicionais. Proponse elaborar os contidos dun modo anovador neste momento: transmitindo información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas, co cal tratará de rachar co nesgo interesado que xeralmente lle imprimen ás novas moitos mediadores e axentes institucionais ou empresariais.  
O DIARIO GALEGO distinguirá entre opinión e información, apostará porque o lector tire as súas propias conclusións, ofrecéndolle información verificada, contrastada e afastada da posverdade. Ofrecerá a interacción e o diálogo, un espazo de comunicación aberto a todo o pobo e tratando todos cantos asuntos repercutan sobre o benestar económico, social e cultural da xente de Galiza. Somos moi conscientes de que O DIARIO GALEGO parte coas limitacións propias de quen comeza sen apoios de ningunha empresa de referencia ou grupo de presión, mais tamén coa convicción de que se lograrmos que as mulleres e os homes da nosa Terra se identifiquen con el non aforrarán esforzos para que mellore e medre. 


22 jun. 2018

Presentación de “A sombra horizontal do teu nome”


Presentación de “A sombra horizontal do teu nome”
Día: 22 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia presenta este venres, 22 de xuño, o libro “A sombra horizontal do teu nome” do escritor marinense Domingo Tabuyo. O acto terá lugar ás 20:30h no local do ateneo na rúa do Forno nº42, baixo.
Domingo é natural de Marín, e actualmente reside en Cambados, onde exerce como profesor de historia no IES Asorey. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago na especialidade de Arte. 
Como escritor ten colaborado en diversas publicacións culturais, crítico literario no Faro da Cultura, así como moderador e organizador de múltiples actos literarios, culturais, exposicións, conferencias, recitais, etc. É articulista semanal no Diario de Arousa dende decembro do 2011.
Ten publicado unha ampla obra literaria, como o poemario "Manual de Urxencia e Retornos", que obtivo un accésit do Premio González Garcés, da Deputación da Coruña en 1993. O poemario "Balsain Blues", Premio do Concello de Ourense en 1997. O poemario "Nos tempos de Invernía", Premio Avelina Valladares do Concello da Estrada en 1999. As novelas "Carmín", publicada por Edicións Xerais de Galicia no 2002 e"Svea Kött", publicada no 2011 por Edicións Xerais.
Tamén forma parte de publicacións colectivas como "Negra Sombra", "Poetas con Rosalía" ou "Homenaxe a Manuel María", este último no 2017.


29 may. 2018

IX Aniversario da Cañota na Memoria


IX Aniversario da Cañota na Memoria
Día: 16 de xuño
Hora: 19:30h
Lugar: A Cañota
Organiza: A Cañota na Memoria
A asociación a Cañota na Memoria celebra a festa do seu IX aniversario o vindeiro 16 de xuño.
A programación do aniversario comezará ás 19:30 cos actos conmemorativos do “Día da Xente do Mar”, consistentes nunha ofrenda floral e un minuto de silencio no monolito da Cañota na Memoria, como lembranza postuma aos mariñeiros da barriada e doutros marinenses falecidos en naufraxios e accidentes no mar.
Despois no pavillón de deportes da Cañota terá lugar o recital poético “Fálame do mar, mariñeiro”, un concerto “In memorian” a cargo da Coral do Centro Sociocomunitario de Marín e a entrega de placas simbólicas á organización por parte das institucións adheridas á celebración do aniversario.
Para rematar a celebración levarase a cabo a tradicional cea de confraternización.