Día: 16 de xuño
Hora: 10h
Hora: 10h
Saída: Área recreativa do Beque (A Fraga-Moaña)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza este vindeiro domingo 16 de xuño un roteiro pola Cruz da Maceira e Pastoriza afectados por un proxecto de parque empresarial de carácter supramunicipal. A saída do roteiro, de dificultade media, será ás 10 da mañán desde a área recreativa de O Beque (A Fraga-Moaña) e chegada ao mesmo lugar ás 13h.
Percorrido: Pozo da Maceira, Cruz da Maceira, Pastoriza, Pedra da Pousa, río das Gorgadas, mámoa de Forno das Arcas, A Telleira, monte e capela de San Lourenzo, monte Furcos, Cruz da Maceira, Regadantes, O Beque.

Puntos de interese: áreas de ribeira de dous nacementos do río da Fraga, carballeiras e bosque mixto de Pozo da Maceira, núcleo rural de Pastoriza, área de ribeira do nacemento do río das Gorgadas con carballeiras, bidueiral e hábitat natural prioritario de matogueira, mámoa megalítica de Forno das Arcas, ruínas da capela de San Lourenzo do século XVII, áreas forestais de monte Furcos e Pedra da Pousa, carballeiras, soutos e bosque mixto de Regadantes.
Durante o roteiro percorreranse camiños e corredoiras, na súa maior parte, que forman parte do sendeiro municipal do Río da Fraga, do de curto percorrido de Ghans e do GR-59 de longo percorrido do Morrazo xunto con vías forestais e rurais.
Como chegar
Para chegar até as instalacións de O Beque hai que utilizar a PO-313 Marín-Moaña, desviarse pola EP-1102 á altura do miradoiro de A Paradela en dirección ó núcleo rural de A Fraga e coller finalmente o desvío en subida á esquerda pouco antes da Taberna A´de Lino.
Proxectos de polígonos

Sendeiros peonís, de bici todo terreo catalogados e sinalizados xunto con elementos etnográficos, arqueolóxicos e os núcleos rurais da Pastoriza e A Fraga veríanse afectados pola construción do parque empresarial, impedindo este ademais o aproveitamento agrogandeiro, forestal e silvícola da zona á veciñanza.
Lonxe dos núcleos urbanos, os accesos ao polígono non serían doados e, xa que logo, precisaríase un acondicionamento da estrada PO-313 Marín-Moaña. Este acondicionamento afectaría ámbalas beiras en solo rústico igualmente protexido e a varios núcleos rurais (Pardavila, Silvestre, A Troncosa, Miñán, A Paradela e Broullón) entre a variante de Marín e o corredor de alta capacidade do Morrazo. A ocupación e expropiación necesarias para acondicionar estes accesos xa foron rexeitaods pola veciñanza cando este fou incluído no Plan Vigo Integra a finais da decada pasada. Alén disto tamén habería que ter en conta o aumento de contaminación acústica e atmosférica e o gasto enerxético polo hipotético incremento do tráfico rodado e pesado.

De se aprobar suporía que, a partir dun mínimo do 30% de ocupación, a clasificación dos terreos como solo industrial tería potestade legal sobre as distintas proteccións do chan rústico e mesmo a prevalencia dos usos do monte comunal.
Na actualidade e a nivel provincial hai precisamente arredor de 1.500.000 m2 de chan industrial baleiro en parcelas sen ocupar
dentro de polígonos industriais existentes. Non hai ningunha seguridade de que a demanda de chan industrial aumente no futuro, existindo xa outro proxecto de parque supramunicipal a nivel comarcal que formaría parte da ampliación do parque industrial de Castiñeiras, entre Bueu e Cangas, que veu reducido o seu proxecto inicial a unha terceira parte pola falta de demanda.

A construción doutro proxecto empresarial nas zonas afectadas non resposta á demanda real de chan industrial senón á especulación urbanística coa compra de solo rústico a baixo prezo e unha vez máis a dunha ordenación irracional e insustentábel. A construción de moitos polígonos industriais non se corresponde en moitas ocasións coa instalación efectiva de industria ou coa xeración de postos de emprego promovidos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario