3 oct 2013

ACTO EN DESAGRAVIO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO

Acto: Homenaxe aos que defenderon a liberdade
Día: 13 de outubro
Saída: 9h
Lugar: Montecubeiro
Organiza: APRMHM

O vindeiro domingo 13 de outubro, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMHM) participará no acto que terá lugar en Montecubeiro – Castroverde (Lugo) polo fin da impunidade e da apoloxía do nazi-fascismo, organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM).
Para facilitar a asistencia das persoas interesadas, dende a ARMHM organizarase a viaxe en autobús, onde logo do acto tamén terá lugar un xantar ( co prezo de 15 euros). Quen o desexe, pode anotarse no seguinte enderezo electrónico: memoriadmarin@gmail.com ou no teléfono 628 255 072, ata o vindeiro luns, día 7 de outubro. Dependendo do número final de persoas anotadas, o prezo da viaxe oscilará entre os 9 e os 12 euros.
Asistirán persoas e asociacións de toda Galiza e intervirán Xosé María Arias, alcalde de Castroverde, Mario Outeiro, Delegado Provincial en Lugo de Cultura e Turismo, Claudio Rodríguez Fer, de Iniciativa Galega pola Memoria e Federico Mayor Zaragoza, exdirector da UNESCO (ONU). 
Contarase, ademais, coa actuación musical de Mercedes Peón. 

Porque as vítimas do franquismo, ademais de ter sufrido en diferente grao_dende o asasinato á cadea, pasando pola expropiación dos seus bens_ a represión deste réxime criminal, tiveron que padecer o silenciamento e mesmo a aldraxe, facéndolles a miúdo responsábeis das agresións que recibiron, e aturaron, sen posibilidade de resposta, a imposición dunha simboloxía que louvaba e ocultaba o sufrimento da Humanidade vencida, consideramos de suma importancia, de necesidade e de xustiza a celebración deste acto nacional en desagravio.

Tal como se manifesta dende a IGM, consideramos moi grave que non se poña freo á exaltación pública nun réxime que se baseaba na eliminación dos seu adversarios e na prohibición das liberdades básicas. Sobre todo cando isto é feito por cargos públicos. Polo que dicimos que é urxente que se penalicen estas condutas, establecendo de xeito inmediato a inhabilitación dos cargos públicos que incorran nestas provocacións, comezando polo Alcalde do Partido Popular de Baralla, protagonista dunhas declaracións inxustas e intolerables que xustifican aos vitimarios e deben ter consecuencias políticas e xurídicas de contado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario