30 jun 2014

Entrega dos Premios Lingua 2014

Acto: Entrega dos Premios Lingua 2014
Día:  4 de xullo
Hora: 20:30 horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

Un ano máis e para pechar o curso a Asociación Queremos Galego Marín fará entrega dos Premios Lingua este vindeiro venres 4 de xullo. 
Con estes premios pretendemos recoñecer publicamente o labor das persoas e entidades que contribúen a normalizar o noso idioma e dar un pequeno tirón de orellas a aquelas persoas ou entidades que o ignoran ou desprezan. Nesta ocasión, os premios concedidos son os seguintes: 
  • Premio Lingua de Ouro, a Ana Acuña Trabazo, doutora en Filoloxía Galega e profesora na universidade de Vigo. Concedémoslle o premio polo seu labor científico-divulgativo do noso idioma. A maioría das súas investigacións (centradas no exilio e na emigración, nas relacións entre a fraseoloxía e a literatura popular, na literatura popular de transmisión oral, na oratura, no feito literario alofónico e nos escritores pontevedreses ou vinculados á cidade de Pontevedra) encóntranse en publicacións periódicas e en volumes colectivos, aínda que tamén publicou obras da súa única autoría, entre as que destaca o seu último libro, Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). Participa en numerosos colectivos en defensa do galego.
  • Premio Lingua de Trapo, ao Hotel Rural Arredondo, en Llanes, Asturias, dado desprezo mostrado pola súa propietaria nos comentarios que realizou cando unha muller presentou no seu currículo como mérito o coñecemento do idioma galego. Esta asociación lamenta que aínda existan actitudes negativas e prexuízos en contra das linguas minorizadas, como é o caso do galego.
  • Premio Lingua de Ouro a colectivos, para os Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos colexios públicos do concello de Marín, pola súa dedicación e entusiasmo na difusión e valoración positiva da lingua galega tanto entre o alumnado como nas súas familias.

A entrega dos premios terá lugar durante o transcurso dun acto este vindeiro venres, 4 de xullo, a partir das 20:30h na Biblioteca Pública Municipal no que tamén haberá música e algunha que outra sorpresa, para posteriormente seguir celebrando o acto nun local próximo cuns petiscos.
Os Premios Lingua deste ano foron feitos polo membro da Asociación Queremos Galego Marín, recoñecido escultor e profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xoán Anleo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario