29 sept 2014

Presentación "Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)”

Acto: Presentación "Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)”
Día:  3 de outubro
Hora: 20horas
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza o próximo venres 3 de outubro, ás 20h no Museo Manuel Torres, a presentación do libro “Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)”, escrito pola nosa veciña, e recentemente galardoada co Premio Língua de Ouro da nosa asociación, Ana Acuña Trabazo.
Nesta presentación Ana Acuña estará acompañada de Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais, e as madrigalegas María Xesús Nogueira, doutora en filoloxía da USC, e Olivia Rodríguez, profesora de teoría da literatura e literatura comparada da UDC.
Ana Acuña é doutora en Filoloxía Galega e profesora na universidade de Vigo.. A maioría das súas investigacións (centradas no exilio e na emigración, nas relacións entre a fraseoloxía e a literatura popular, na literatura popular de transmisión oral, na oratura, no feito literario alofónico e nos escritores pontevedreses ou vinculados á cidade de Pontevedra) encóntranse en publicacións periódicas e en volumes colectivos, aínda que tamén publicou obras da súa única autoría, entre as que destaca o seu último libro, Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). Participa en numerosos colectivos en defensa do galego e ten unha grande labor científica e divulgativa do noso idioma.
Esta obra analiza a «historia vivida» da literatura galega en Madrid, ao tempo que reconstrúe os quereres e mais os faceres dos grupos de madrigalegos que foron quen de conformar, nunhas circunstancias de opresión política e cultural, unha conciencia político-lingüística e un discurso literario galegos en Madrid nos últimos cincuenta anos do século XX.
Con este marco de referencia, Ana Acuña establece cinco etapas, cinco tramos cronolóxicos a través dos cales se moven os principais grupos xunto con outros menos cohesionados e menos disidentes: 1952-1954 (Mocedade Universitaria Castelao), 1958-1961 (Brais Pinto), 1965-1969 (Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco de Madrid), 1974-1986 (Lóstrego, Irmandade Galega, Irmandade Galega-Lóstrego) e 1996-2000 (Grupo Bilbao).
Na obra, onde aparecen as voces de 54 protagonistas destes grupos, recollidas con exquisita metodoloxía e presentadas con rigor e fluidez pola autora, amósase de que xeito os madrigalegos crearon unha serie de rexistros necesarios para a reconstrución do sistema literario galego e para o devir histórico de Galiza.


No hay comentarios:

Publicar un comentario