3 jul 2015

Entrega dos Premios Lingua 2015

Acto: Entrega dos Premios Lingua 2015
Día:  10 de xullo
Hora: 20horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín entregará os Premios Lingua deste ano nun acto que terá lugar o vindeiro venres 10 de xullo a partir das 20h na biblioteca de Marín.
Con estes premios, que naceron no ano 2010, a Asociación Queremos Galego Marín pretende recoñecer publicamente o labor de persoas e entidades que contribúen á normalización do noso idioma e cultura e dar un pequeno tirón de orellas a aquelas persoas ou entidades que a ignoran ou desprezan.
Nesta ocasión, os premios concedidos son os seguintes:
Premio Lingua de Ouro, na categoría individual, Xosé Lukas Moledo Santiago, máis coñecido como Lukas Santiago, Licenciado en Historia, na especialidade de Arqueoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela; e Licenciado en Comunicación Audiovisual, pola Universidade de Vigo.
Concedémoslle este premio a Lukas Santiago pola súa traxectoria de compromiso coa defensa e divulgación tanto do patrimonio material como inmaterial combinando á perfección a súa faceta de arqueólogo coa de documentalista.
No campo da arqueoloxía participou en multitude de sondaxes, controis e escavacións arqueolóxicas, entre as que cómpre salientar a realizada no Castro de Neixón e a posta en valor do Monte do Castro.
No eido audiovisual, ten traballado principalmente en dous campos: a Arqueoloxía, reivindicando o potencial do audiovisual como ferramenta de divulgación da Arqueoloxía; e as Historias de vida das persoas maiores, das que leva realizadas máis de 200, que conectan coa Historia oral e a Memoria histórica e coa Antropoloxía.
Podemos atopar entre a súa filmografía como director documentais como: “O´Neixón: Historia viva dun castro” (a 1ª Longametraxe documental da Arqueoloxía galega), “Galeg@s universais. Historias do mar” e “Mariscadoras de Lourizán”.
Traballou como realizador, co-director ou no equipo técnico noutros documentais como: “Sete Camiños. Encrucillada do tempo”,  “Galegos en Lisboa”, “Futuro e Vida para a Ría de Pontevedra”, “Lembranzas e reflexións de Isaac Díaz Pardo”, Lembranzas e reflexións de Eugenio Granell”.
Alén de por esta impresionante traxectoria, unha das razóns polas que o xurado da Asociación Queremos Galego Marín escolleu este ano a Lukas Santiago como Premio Lingua de Ouro, foi por ser a persoa que iniciou e impulsou, primeiro en solitario e despois en equipo con varias persoas, o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que hai uns meses por fin se fixo realidade. (Información máis extensa sobre o premiado no arquivo anexo)
Premio Lingua de Ouro, na categoría de colectivo, Asociación Cultural e Deportiva Gharaboto polo seu traballo de difusión da música e deportes tradicionais galegos. Neste sentido cómpre salientar o enorme impulso que lle están a dar desde esta asociación ao xogo da billarda na nosa vila, indo aos colexios para lles ensinar ás crianzas este sinxelo pero apaixoante xogo, ou organizando numerosos abertos de billarda ao longo do ano en Marín. É tamén de destacar a súa enteira dispoñibilidade para colaborar, ben sexa organizando sesións de xogos populares ou ben amenizando con música tradicional, nos eventos doutras asociacións como a nosa.
Premio Lingua de Trapo, á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), por alzar a voz  contra a ponderación do uso do galego á hora de conceder subvencións e axudas da Xunta para organizar cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas neste 2015. E non o fixo para modificar a orde que regula estas subvencións senón para esixir a supresión da referencia ao uso do galego nas condicións.
Esta actitude de desprezo cara á nosa lingua xa de por si tería sido razón suficiente para lle conceder o noso Premio Lingua de Trapo, mais o que nos levou a outorgarlle o premio foi o “xiro” na actitude cara ao galego ao deixar de recibir as subvencións para manter o Servizo de Normalización Lingüística da CEG polo que chegou a recibir máis dun millón de euros desde o 2006 até o 2012.
Cómpre deixar claro que este premio non procura xeralizar o tirón de orellas a todas e todos os empresarios galegos, pois aínda quedan empresas que, con ou sen axudas, teñen e manteñen un compromiso claro coa nosa lingua.
Durante o transcurso do acto de entrega dos Premios Lingua tamén se entregarán os premios aos vídeos gañadores do noso 1º Concurso de Vídeo con Móbil pola Lingua que a asociación puxo a andar hai uns meses para ligar, especialmente entre as persoas máis novas, o uso do galego coas novas tecnoloxías.
No acto, alén da entrega de premios, tanto dos Premios Lingua como os do concurso, haberá música e algunha que outra sorpresa, trasladándose posteriormente a festa á terraza dun bar próximo onde as persoas que así o desexaren poderán tomar uns petiscos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario