14 sept 2015

Presentación "Un cesto de mazás"

Acto: Presentación "Un cesto de mazás"
Día: 25 setembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
A Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín presentará o 25 de setembro o novo libro de Montse Fajardo, "Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu."
Este libro recolle dezaseis historias de represión contadas por persoas moi próximas ñas protagonistas, como a do marinense Armando Iglesias, plasmada e recompostas a través das lembranzas da súa filla.
Este libro fala de persoas detidas, fusiladas, asasinadas en gabias, agochadas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas. Fala de foxas, batallóns, cárceres e exilio. Das vítimas evidentes mais tamén das outras. Das nais que pasean de noite na procura da Santa Compaña para ver unha vez máis o seu fillo fusilado. Das que buscan a morte nas entrañas dos pozos para reencontrarse con el. Das nenas que miran pola ventá unha escola na que non teñen cabida as fillas dos "rojos". Das obrigadas a bordar panos para recoller as bágoas que aínda lles quedan por verquer. Das viúvas que trasladan o cadaleito a soas. Dos orfos que marcan co pau da luz as foxas sen nome.
No acto, que terá lugar a partir das 20h no Museo Manuel Torres, intervirán Queta Molas, presidenta da ARMHM; Ana Acuña, profesora de lingua e literatura da Universidade de Vigo; Rosa Iglesias, filla de Amando Iglesias fusilado o 31 de decembro de 1936; Montse Fajardo Pérez, autora do libro e a actuación musical de Mardeafora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario