8 may 2016

Concerto Días das Letras galegas: Xosé Constenla

Acto: Concerto Día das Letras Galegas: Xosé Constenla
Día: 17 de maio
Hora: 20:30h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín, Ateneo Santa Cecilia
A Asociación Queremos Galego Marín e o Ateneo Santa Cecilia celebran conxuntamente o Día das Letras Galegas cun concerto do músico Xosé Constenla, que terá lugar o propio 17 de maio, a partir das 20:30 horas, no local do Ateneo Santa Cecilia.
Xosé Constenla é un coñecido cantautor compostelán que combina á perfección a súa actividade de xeógrafo e de profesor na Facultade de Ciencias da Educación na Universidade de Vigo (Campus de Ourense), coa súa faceta musical, que iniciou sendo mozo.
Despois de gañar varios premios literarios na súa infancia e adolescencia, comezou a tomar contacto coa música de grandes cantautores ibéricos e latinoamericanos, como Silvio Rodríguez ou Luis Eduardo Aute, o que o levou a restaurar unha vella guitarra, comezar a estudar música, composición e harmonía, e a lanzarse a compoñer e a tocar en cafés e pubs de Compostela.
Durante as loitas estudantís contra a LOU, as protestas dos movementos Nunca Máis e Non á Guerra, converteuse -en moitos círculos- nun dos principais axitadores culturais, musicais, sociais e políticos, actuando nas principais prazas, teatros e locais do país.
A súa música caracterízase polas excelentes letras e melodías que amosan distintos estados de ánimo e impresións sobre o acontecer social, ademais de visións persoais de infrahistorias cotiás sometidas a unha constante avaliación sentimental.
Despois de publicar tres discos -“Quen fixo berrar ao silencio” (2004), “Olladas dun entusiasta” (2008) e “Sinecismo. Xosé Constenla ao vivo” (2013)- neste 2016 vén de publicar o seu cuarto traballo discográfico,  “Virada por avante”, que está a presentar por toda Galiza.
“Virada por avante” consta de once temas de grande influencia folk-rock americana e tamén da corrente iberoamericana da canción de autor. É o album máis maduro, persoal e sofisticado de Constenla, que contou coa colaboración do produtor e guitarrista Fredi Marugán.
Para presentar o seu disco, nunha xornada tan especial como o Día das Letras Galegas, Xosé Constenla contará coa colaboración do seu curmán, o teclista Javier Constenla.

O concerto, no local do Ateneo Santa Cecilia, na rúa Caracol, é aberto ao público. No acceso cómpre unha doazón de 3 euros no caso dos socios e socias de Queremos Galego Marín e do Ateneo; 4 euros para as persoas que non pertenzan a ámbalas entidades. O importe recadado con estas doazóns destinarase a sufragar os gastos dos intérpretes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario