20 may. 2017

Charla: “Carlos Casares, a arte de contar historias”

Charla: “Carlos Casares, a arte de contar historias”
Día: 2 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, será o protagonista deste ‘Venres do Ateneo’ cunha conferencia titulada “Carlos Casares: a arte de contar historias”. Esta charla, que se impartirá no Museo Municipal Manuel Torres de Marín a partir das 20:30 horas, con entrada libre, pecha o ciclo de actividades deste mes organizadas polo Ateneo Santa Cecilia arredor das Letras Galegas.
Sobre Casares, Freixanes ten valorado o carácter “plural” do escritor galego homenaxeado o pasado 17 de maio, con “rexistros para todos os públicos”, dende a literatura infantil e xuvenil ata a o ensaio e a narrativa para lectores adultos, pasando polos seus artigos xornalísticos ou a crítica literaria. O presidente da RAG, que precisamente ingresou na institución en 2004 ocupando a cadeira que Casares deixou baleira ao seu pasamento, tamén foi o seu sucesor á fronte da editorial Galaxia, polo que se trata dunha das persoas que máis e mellor o coñeceron a nivel profesional e persoal.
Escritor, editor, xornalista e profesor da Universidade de Santiago, ademais de catedrático de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario, Víctor F. Freixanes ten unha ampla traxectoria no sector editorial que exerceu non só en Galaxia, senón anteriormente en Edicións Xerais, Grupo Anaya e Alianza. Dirixe a RAG dende o pasado 27 de marzo e actualmente tamén é presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo e membro do Consello da Cultura Galega.
Entre as súas publicacións destacan os libros de xornalismo e os estudos sobre comunicación e industrial culturais, ademais de cultivar tamén xéneros como o ensaio, a novela e o relato breve. Premios como o Modesto Figueiredo, o Blanco Amor, o Premio da Crítica de Galicia e o da Asociación de Críticos de España, o Torrente Ballester, o Fernández Latorre ou o Rosa dos Ventos, entre outros, completan a súa recoñecida traxectoria académica e literaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario