14 may 2017

Charla coloquio: “Venezuela, situación actual”

Charla coloquio: “Venezuela, situación actual”
Día: 25 de maio
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Mar de Lumes-AGABO
Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e Agabo – Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, organizan unha charla coloquio co título: Venezuela, situación actual, o acto será o próximo 25 de maio no Museo Manuel Torres de Marín, ás 20h. O acto contará coa intervención da Cónsul Xeral do Goberno Bolivariano en Vigo, Mónica Sánchez Morles, e de Farruco Sexto Novás, escritor e Ministro do goberno de Hugo Chávez.
Venezuela está nunha situación de permanente actualidade nos medios de comunicación, pero cal é a verdadeira realidade que vive este país? Quen está detrás dos intentos de desestabilización do Goberno Bolivariano? Existe realmente desabastecemento e inseguridade alimentar?
A propaganda sobre a realidade venezolana, pese ao que pretenden facernos crer, non pode agochar as melloras nas condicións de vida do pobo venezolano, cun incremento dos investimentos en educación, vivenda e sanidade. O programa Gran Misión Vivenda Venezuela fixo entrega até hoxe de 1.444.438 vivendas, mentres no estado español asistimos en directo por televisión ao desafiuzamento de familias sen recursos.
O pasado 25 de abril a FAO, organización da ONU para a alimentación e a agricultura sinalou que non existen datos para declarar inseguridade alimentar en Venezuela. No ano 2005 a UNESCO declarou a Venezuela como territorio libre de analfabetismo despois de escolarizar entre os anos 2003 e 2005 un millón e medio de persoas. O paro en Venezuela é do 5,7% mentres na Galiza está sobre o 20%. Venezuela emprega o 62% dos seus ingresos en investimento social, nós padecemos recortes en sanidade, educación e servizos sociais.
A realidade é que calquera pobo que pretenda gobernarse libremente e decidir o seu futuro ten que padecer a inxerencia dos EEUU e os seus aliados. Iso Venezuela estao a padecer desde a chegada ao goberno de Hugo Chávez con intentos de golpes de estado, bloqueos económicos, especulación por parte das grandes empresas con produtos de primeira necesidade e campañas mediáticas de difamación.
Os intentos de diálogo propostos por UNASUR e facilitados polo Papa Francisco, xunto con varios ex presidentes, para chegar a acordos que garantan a paz social son boicoteados pola chamada “oposición venezolana”. Oposición que só pretende desestabilizar política e economicamente o país, contando para iso cos medios de comunicación privados que están ao servizo dos intereses económicos e políticos que só buscan o descrédito do goberno venezolano para xustificar un golpe de estado ou unha intervención estranxeira.
Hoxe todos condenamos o golpe de estado en Chile que derrocou a Salvador Allende e transformou o país nun enorme campo de concentración, tortura e desaparicións. O que está pasando en Venezuela é unha repetición do sucedido alí, o intento de derrubar un goberno lexítimo que defende os intereses do seu pobo para substituílo por un goberno títere.
Venezuela é un pobo de paz. Así o lembraba o Presidente Maduro nunha carta aberta dirixida ao pobo dos Estados Unidos: “En dous séculos de independencia, nunca atacamos outra nación. Somos un pobo que vive nunha rexión de paz, libre de armas de destrución masiva [...] Defendemos o respecto á lei internacional e á soberanía de todos os pobos do mundo”.
Desde Mar de Lumes e Agabo queren con este acto achegar unha visión distinta da realidade venezolana, unha visión máis real e solidaria, por iso convida a todas as persoas interesadas en coñecela a participar neste acto en Marín.
Farruco Sexto Novás
 é neto do pedagogo Juan Novás Guillán, e fillo do intelectual galeguista Xosé Sesto, emigrou coa familia a Venezuela con 18 anos, onde estudou arquitectura. Foi profesor da Cátedra de Deseño na Escola de Arquitectura da Universidade Central de Venezuela. Foi Director Xeral Sectorial de Ordenamento Urbano do Ministerio de Infraestrutura e Director Xeral Sectorial de Planificación, Presidente do Instituto do Patrimonio Cultural e Director do Fondo Nacional de Desenvolvemento Urbano. En 2003 foi nomeado Viceministro de Cultura e Presidente do Consello Nacional da Cultura. Foi Ministro de Cultura de Venezuela ata xuño de 2008 e volveu ser nomeado ministro en febreiro de 2010.

No hay comentarios:

Publicar un comentario