21 sept 2017

Charla “A música na Danza de Espadas”

Charla “A música na Danza de Espadas”
Día: 23 de setembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Museo Manuel Torres de Marín acollerá este sábado unha charla de Pablo Carpintero co lema “A música na Danza de Espadas” sobre os gaiteiros que antano conservaron as melodías tradicionais desta histórica forma de expresión cultural na honra de San Miguel e que contribuíron a transmitila para que se seguise interpretando no presente. Na súa intervención, que comezará ás 20:00 horas e será aberta ao público, este prestixioso músico, artesán e investigador tamén explicará o proceso de restauración da gaita coa que as familias dos Marañóns e dos Cristos tocaron na Danza de Espadas ao longo duns 200 anos.
Galardoado con premios de investigación tan importantes como o Antón Losada Diéguez en 2009 e o Marqués de Lozoya en 2013, Pablo Carpintero é experto na evolución da morfoloxía da gaita de fol e no seu repertorio, ademais de ter publicado varios libros sobre os instrumentos tradicionais da nosa terra. Vencellado á Asociación de Gaiteiros Galegos, tamén dirixe grupos dedicados á recuperación da tradición musical do país.
Trala conferencia de Pablo Carpintero, o grupo Quodlibet formado por Felipe Rea -o gaiteiro de Estribela- e Andrea García, tomará o relevo na velada interpretando a “Danza de Estribela”. A actuación rematará coa participación dun cuarteto de música tradicional formado por dúas gaitas, bombo e tamboril, que presentará un traballo sobre a Danza de Espadas que se deu a coñecer na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Os seus artífices son integrantes do grupo SonDeSeu.
Este programa de actos previo á xornada central do domingo tamén abrangue unha exposición de fotografías antigas nas salas do Museo Manuel Torres. As imaxes, que recollen diversos momentos da Danza de Espadas marinense e destacan polo seu valor histórico e antropolóxico, poderanse admirar ata o venres 29 de setembro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario