22 nov 2017

Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián

Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián
Día: 24 de novembro
Hora: 19:30h
Lugar: Adega da Capeleira
Organiza:
Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizan unhas “Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” no marco do Día Internacional do Patrimonio, que se celebra este 16 de novembro. A iniciativa forma parte da convocatoria feita a nivel autonómico pola Rede do Patrimonio Cultural, cun total de 40 actividades promovidas por unha trintena de colectivos de toda Galicia.
Os actos programados en Marín son unha conferencia do experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa co lema “Técnica da reconstitución dixital 3D aplicada aos petróglifos de San Xián”, que se realizará o venres 24 a partir das 19:30 horas na Adega da Capeleira de Marín (Rúa do Forno 23); seguiralle ao día seguinte unha andaina con saída ás 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, percorrendo os lugares de A Carrasca, Champás, o rego de Castiñeiras e Pelagartos, para finalizar sobre as 14:00 horas no punto de inicio da ruta.
A parroquia de San Xián conta cun importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico que vai dende o Neolítico ata a Era Moderna. A ‘barferencia’ que protagonizará Antonio Costa o venres 24 permitirá apreciar -con imaxes en tres dimensións procesadas a través dun novidoso sistema informático- diversos gravados rupestres da Idade do Bronce, especialmente algúns dos novos xacementos descubertos polo marinense Paulo Troitiño no conxunto rupestre da Carrasca, cuxa existencia foi notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta para a súa catalogación. Entre eles atópase unha figura con forma reticular; a única da que se ten constancia da súa conservación na bisbarra do Morrazo.
Precisamente, os petróglifos da Carrasca e de Champás, datados hai 4000 anos, formarán parte do itinerario da ruta de sendeirismo que haberá o sábado 25, coa que se pretende concienciar a veciñanza sobre a riqueza da parroquia de San Xián como unha das contornas de maior densidade e diversidade de petróglifos prehistóricos non só do Concello de Marín, senón da península do Morrazo.
Situados entre as concas dos regos de Castiñeiras e da Agrela, entre os 235 e os 345 metros de altitude sobre nivel do mar, estes xacementos arqueolóxicos abranguen seis estacións rupestres no caso da Carrasca e tres no de Champás. Os elementos representados son variados –círculos concéntricos, coviñas ou cazoletas, armas, figuras zoomorfas e reticulares, entre outros motivos- e ademais seguen atopándose novas rochas con gravados dos que non había constancia. Con toda probabilidade, o patrimonio da parroquia de San Xián siga aumentando con máis descubrimentos.
As paraxes naturais onde se atopan -pequenos outeiros, camiños e corredoiras entre a matogueira ou preto de zonas húmidas e na ribeira fluvial- resaltan polo seu valor paisaxístico dentro dunha área de gran valor ambiental pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, en solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
Malia que os xacementos documentados están inventariados e catalogados como Bens de Interese Cultural, coa máxima figura de protección a nivel autonómico, a lei non se está aplicando na maioría dos casos e moitos dos elementos están sendo afectados no seu ámbito de protección por distintas causas -desbroces, apertura de pistas forestais, paso de maquinaria pesada, eucaliptización- como xa denunciaron varios colectivos en xaneiro deste ano a causa dunha agresión no grupo número 5 do conxunto rupestre da Carrasca.
Outro dos obxectivos desta andaina é reivindicar a posta en valor dos conxuntos rupestre da Carrasca e de Champás, descoñecidos pola cidadanía, pola veciñanza da parroquia de San Xián e mesmo polos responsables da súa conservación. Amosando e divulgando os incuestionables valores culturais e ambientais destas paraxes, a Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apelan ás Administracións autonómica, provincial e local, así como á Comunidade de Montes de San Xián, para que A Carrasca e Champás formen parte da necesaria conexión co corredor ambiental e cultural entre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Parque da Natureza do Lago de Castiñeiras.
Ademais dos xacementos da Carrasca e Champás, tamén destacan polo seu interese os petróglifos da Idade do Bronce de Briasco e da Carballeira do Rei; asimesmo, pola súa particularidade, os gravados modernos realizados ao longo do século pasado polo marinense José Meijón. Dende o punto de vista etnográfico, a ruta tamén fará fincapé no valor das corredoiras tradicionais que atravesan entre os vales e os montes da zona, na singularidade do muíño do Sacristán, cunha monumental canle e cubo en forma de valo, xunto coa súa presa de auga e os muíños, fonte e lavadeiro do Briasco.
A nivel ambiental e paisaxístico salienta o lugar de Pelagartos, onde se atopou un asentamento humano da Idade do Bronce. Trátase dun dos achados de máis antigüidade da parroquia, moi anterior ao histórico igrexario moderno e barroco de San Xián dos Encoirados, que conforma o núcleo parroquial dende o Medievo e onde se atopan os alicerces da actual vila de Marín. Pola súa importancia ambiental non faltará a visita ao rego de Castiñeiras, leito principal do rego Lameira e fornecedor de recursos hídricos a nivel local dentro dunha parroquia que aínda conserva bastantes cualidades do seu carácter rural e agropecuario.


No hay comentarios:

Publicar un comentario