Charla “A contaminación
luminosa. Por que desapareceron as estrelas?”
Día: 8 de xuño
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación
Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín co
gallo do Día Mundial do Medio que se celebrou este 5 de xuño, organiza as xornadas “O outro lado da luz. A contaminación luminosa”
que comezan este venres 8 de xuño cunha charla no Museo Manuel Torres ás 20h.
Baixo o título “A contaminación
luminosa. Por que desapareceron as estrelas?” o profesor da USC, Salvador Bará,
falará da contaminación luminosa desde o punto legal e científico para tratar
de concienciar as persoas que asistan dos numerosos efectos negativos na nosa
saúde, na natureza e na cultura da mala e excesiva iluminación das nosas vilas
e cidades.
Salvador Bará, doutor en física
aplicada, é profesor titular na Facultade de Óptica e Optometría da USC e
o autor do libro “E fixemos a luz” publicado na Biblioteca de Divulgación,
Serie Científica da Universidade de Compostela. Entre os diversos campos de investigación
nos que traballa, cómpre salientar o seu intenso traballo sobre a contaminación
luminosa do que ten escrito un bo número de publicacións. É ademais o
coordinador do proxecto de divulgación “Astronomía na beirarrúa”.
A segunda das actividades destas
xornadas consistirá nunha saída fotográfica nocturna ao monte Pornedo e terá
lugar o venres 15 de xuño. O punto de encontro será a área recreativa do
Pornedo ás 23h, para desde alí subir ata o miradoiro do Pornedo para sacar
fotos a Marín e outros puntos de interese da zona e comprobar os efectos da
contaminación luminosa no ceo nocturno.
Para participar nesta saída é necesario
traer unha cámara de fotos con modo manual, un trípode, lanternas, un
disparador remoto, roupa de abrigo e calzado cómodo.
Os ceos foron e son aínda unha fonte de
inspiración para toda a humanidade. Son un elemento da nosa civilización e
cultura que se está a perder polo uso excesivo e irresponsábel da enerxía
eléctrica no alumeado público de exteriores. Esta iluminación converte as vilas
nunha antorcha de fotóns que impide a visión nocturna das estrelas desde dentro
da propia vila e mesmo desde fóra delas.
O uso da electricidade para xerar luz
constituiu un factor de progreso, mais o seu mal e excesivo uso converteuse
nunha expresión máis da nosa sociedade irracional de consumo. Mal iluminamos
monumentos, rúas, prazas, parques e mesmo praias que logo non nos permiten
gozar do ceo nocturno e que ademais alteran a nosa vida e a doutros seres
vivos.
A contaminación luminosa afecta a nosa
saúde e benestar xa que unha variación na iluminación ambiental natural pode
producir alteracións nos patróns da liberación de determinadas hormonas
(melatonina, cortisol, prolactina e as hormonas do crecemento) e con iso
desequilibrios orgánicos a distintos niveis.
A contaminación luminosa tamén ten
efectos comprobados sobre a fauna. Os animais evolucionaron e viven con ciclos
predecíbeis de luz e escuridade e coa excesiva iluminación das nosas cidades e
vilas estamos a mudarlles o guión, e isto ten consecuencias nas migracións, na
reprodución, na alimentación…
No hay comentarios:
Publicar un comentario