2 jul 2018

Acto de entrega dos Premios Lingua 2018


Acto de entrega dos Premios Lingua 2018
Día: 6 de xullo
Hora: 21h
Lugar: Bar Lorenzo (Taberna da Potona)
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín entregará os Premios Lingua deste ano nun acto o venres, 6 de xullo, a partir das 21h no bar Lorenzo (Taberna da Potona) localizado na rúa Sagrada Familia nº5 de Cantodarea.
Con eles, a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e colectivos que contribúen á normalización, dignificación e valorización da nosa lingua, cultura e medio. Por outra banda, pretende concienciar os premiados co Premio Lingua de Trapo dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, da importancia da nosa lingua e da seriedade do seu estado de saúde.
Como en anos anteriores foron varios os nomes de persoas e colectivos que saíron á palestra para recibir o premio, mais finalmente os membros da asociación decidiron concederlle este 2018 os seus premios a:
·         Premio Lingua de Ouro na categoría individual para Raúl Pesqueira Fariña, artesán de xoiaría marinense que, continuando unha longa tradición familiar, rexenta o seu propio taller de xoiaría en Marín. Raul Pesqueira inspírase nos motivos patrimoniais de Marín para crear diferentes tipos de alfaias cos que promocionar e descubrirlle á xente o noso patrimonio. Alén disto, este xoieiro atende, realiza toda a comunicación, difusión, promoción e documentación do seu taller en lingua galega.
·         Premio Lingua de Ouro na categoría de colectivos para Os Saljariteiros de Marín. Concedémoslles este premio por faceren da música tradicional a súa razón de ser, contribuíndo de xeito importante á normalización da nosa lingua e á preservación e recuperación de tradicións musicais como os cantos de taberna, seráns, cantos de reis e outras manifestacións culturais que cómpre preservar para o futuro.
·         Premio Lingua de Trapo para o concelleiro de rural Pablo Novas Caballero por mal entender como parte das súas funcións públicas de representación institucional e tarefas políticas, a recollida “a eito” da toponimia e microtoponomia, de xeito totalmente acientífico, sen contrastar e sen asesoramento técnico lingüístico.
A Asociación Queremos Galego Marín reclama neste senso, como xa o fixo noutras ocasións, a contratación dun servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín, e que se ocupe, coordine e dirixa tarefas como a da recollida da toponimia e a microtoponimia con criterios lingüísticos contrastábeis.
Durante o acto de entrega dos premios, a Asociación Queremos Galego Marín tamén realizará unha pequena homenaxe póstuma á marinense Concepción Sanjorge Couso,  Concha “Cara Lavada”, falecida en abril deste ano.
Neste acto, no que colabora o Concello de Marín, as persoas e colectivos premiados recollerán unha figura realizada polo taller de cerámica marinense Alén das Olas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario