28 oct 2018

Presentación do Colectivo Feminista Zeivas

Presentación do Colectivo Feminista Zeivas
Día: 3 de novembro
Hora: 12h
Lugar: Praza da Capirota
Organiza: Colectivo Feminista Zeivas
A Praza da Capirota, en Marín, acollerá este vindeiro sábado, 3 de novembro, a partir das 12:00 horas, a presentación pública do Colectivo Feminista Zeivas, que aspira a darlle máis visibilidade ás inquedanzas das mulleres a nivel local e comarcal, poñer en valor o papel que desempeña o sector feminino da poboación marinense no avance da vila, e dinamizar a vida social no concello a través de diversas actividades. Este primeiro encontro -con participación netamente marinense- consistirá nun recital da poeta Lara Dopazo Ruibal, xunto coas cancións do grupo MarDeAfora. En caso de chuvia, o acto celebrarase no Museo Manuel Torres.
Formado por mulleres de diversos ámbitos profesionais, trátase dun colectivo aberto á incorporación de máis mulleres sensibles coa defensa das liberdades, dos dereitos e dos intereses das mulleres a nivel social, cultural, laboral, familiar e político. En clave feminista, Zeivas apostará por favorecer a integración e a participación das mulleres na sociedade en condicións de plena igualdade.
A denuncia de calquera forma de discriminación e o apoio ás mulleres -e ás súas fillas e fillos- que sexan vítimas da violencia de xénero van estar tamén nos principios desta nova organización. As promotoras de Zeivas -que xa contan con representación no Consello Municipal da Muller- traballarán para que se impulsen medidas a prol da conciliación e do reparto equitativo das responsabilidades familiares. Ademais, colaborarán para que as mulleres teñan un papel máis activo nos eidos da cultura, da educación, do deporte e da formación.
Conferencias, obradoiros, cursos de formación e xornadas informativas, debates e campañas informativas serán algúns dos formatos que canalizarán a súa actividade. A axenda de convocatorias poderase seguir a través da páxina “Zeivas Colectivo Feminista” en Facebook e atenderanse todas as solicitudes de información no enderezo de correo electrónico zeivascolectivofeminista@gmail.com  

No hay comentarios:

Publicar un comentario