II
Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián
Día:
16 e 17 de novembro
Hora:
20h
Lugar:
Adega da Capeleira
Organiza:
Asociación Monte Pituco
A
Asociación Monte Pituco celebrará o Día Mundial do Patrimonio
Cultural, que se conmemora cada 16 de novembro, cunha charla co lema
“Unha loita xudicial gañada a pulso” a cargo do equipo xurídico
que fixo posible as dúas sentenzas firmes e irrevocables que ordean
retirar desa ubicación o polígono industrial proxectado pola Xunta
e polo Concello de Marín. Esta actividade enmárcase nas “II
Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San
Xián”, organizadas por este colectivo veciñal, finalizando o
sábado 17 cunha andaina polo Monte Pituco para visitar a zona
salvagardada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os
elementos de interese natural e cultural, e os seus enclaves
paisaxísticos.
Os
avogados Juan Areses e Rafael Areses conversarán cos asistentes ao
encontro arredor das eivas de tipo urbanístico que fixeron posible
anular a inclusión do Monte Pituco no Plan Sectorial de Ordenación
de Áreas Empresariais de Galicia e retirar tamén a clasificación
desta zona como solo industrial no Plan Xeral de Ordenación
Municipal de Marín. Tamén se abordará o destacado papel dos
movementos sociais -como no caso da Plataforma en Defensa dos
Praceres e de Defende o Monte Pituco, ambos representados por este
gabinete legal- no rexeitamento a decisións políticas que van
contra o regulamento legal.
A
charla, con formato ‘barferencia’, realizarase na Adega A
Capeleira, na rúa do Forno de Marín, a partir das 20:00 horas. Para
o colectivo Monte Pituco -que forma parte da Rede Galega de
Patrimonio Cultural- a temática destas II Xornadas remítese
necesariamente á vitoria xudicial lograda por partida dobre ante o
TSXG porque ambas resolucións garanten a obligatoriedade de protexer
os xacementos arqueolóxicos ameazados polo parque empresarial
proxectado: os conxuntos rupestres do Pornedo, os gravados e a mámoa
de Sete Camiños, e os petróglifos de Pinal de Caeiro.
De
feito, o ditame do TSXG recolle que o PXOM de Marín admitía a “alta
ou moi alta intervisibilidade” da área afectada polo polígono
industrial, a “alta exposición visual e o impacto paisaxístico”,
ademais de “afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio
cultural”, polo que non se xustificaba a elección do Monte Pituco
para ubicar o parque empresarial proxectado.
Precisamente,
na andaina programada o sábado 17, con saída ás 10:00 horas dende
a arboreda do Monte Pituco, os asistentes poderán comprobar o forte
desnivel do terreo, a preocupante desatención que sofren os Bens de
Interese Cultural catalogados, e o amplo alcance visual e panorámico
sobre a ría de Pontevedra dende o miradoiro do Monte Pituco, ou
Pornedo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario