16 ene 2013

Charla coloquio sobre os recortes no ensino e a LOMCE

Acto: Charla coloquio sobre os recortes no ensino e a LOMCE
Día: 18 de xaneiro
Hora: 20 horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns

Este venres, día 18 de xaneiro, terá lugar unha charla-coloquio organizada polo Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns, de Marín, sobre os recortes no ensino e a nova lei de Educación, Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). 
Baixo o título “Os recortes no ensino e a nova LOMCE”, comezará ás 20:00 h. na Biblioteca Municipal Vidal Pazos e intervirán representantes da Liga Estudantil Galega, da Federación de Anpas de Pontevedra e do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).
A situación actual de recortes económicos que se asañan de novo con Educación, superando o 4% do total, repercute directa e especificamente no Ensino Público: redución de profesorado (máis do 6%), en gastos de funcionamento dos centros (entre un 6% e un 9% segundo o tipo de ensinanzas), en Universidade (máis do 5%), en rehabilitación, ampliación e mellora dos centros (entre un 10% e un 23%), en bibliotecas escolares (máis do 50%)… son algunhas das medidas que, segundo a conselleira de Facenda, farán dos orzamentos para o 2013 os “máis sociais da historia da autonomía”; afirmación, cando menos, sorprendente é contraria á realidade.
Varias organizacións de traballadoras e traballadores do ensino e de estudantes e a Confederación Española de Pais e Nais de Alumnos (Ceapa) abandonaron o pleno do Consello Escolar do Estado (CEE) o pasado outubro, como protesta por non admitirse a trámite un informe alternativo á reforma educativa (LOMCE).
Estes son só dous exemplos de que o goberno segue a vivir de costas á cidadanía e de que só serve a intereses que, dende logo, nin son públicos nin van en prol do benestar social.
O FMI vén de recoñecer o erro cometido nas súas estimacións sobre a riqueza destruída polos recortes en gasto público (por cada euro público investido de menos, destrúese máis de euro e medio de riqueza privada). Cántos nenas e nenas, mozas e mozas, deixarán de percibir aulas de apoio?, que atención deixarán as alumnas e alumnos de recibir por estaren en aulas cada vez con máis ateigadas? e cales serán as consecuencias a curto e medio prazo nas súas traxectorias académicas e vitais?; que sociedade queren “construir”  o goberno español e o galego primando os orzamentos dedicados a armamento e defensa por enriba de Educación e Sanidade?.

No hay comentarios:

Publicar un comentario