17 feb 2013

Mil sons para Rosalía

Acto: Mil sons para Rosalía
Día: 24 de febreiro
Hora: 11:30 horas
Lugar: Alamenda Rosalía de Castro
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

Baixo o lema “Mil sons para Rosalía”, a Asociación Queremos Galego Marín conmemora a campaña levada a cabo no 2012, xunto coa Asociación Cultural Almuinha, na que reivindicaba un espazo público digno para a nosa escritora e que finalmente se materializou na denominación da Alameda, como Alameda Rosalía de Castro.
O vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento, a Asociación Queremos Galego Marín  celebrará o Día de Rosalía deste ano cun acto público que comezará ás 11:30h. cunha Alborada, coa que a asociación se suma á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro. A alborada será interpretada polo grupo de gaiteiros de Carril Aires do Río Vello, Mundo, Luis Camiña e Gelín.
Seguidamente, a celebración continuará coa homenaxe "Mil sons para Rosalía" que será presentada pola actriz Mónica Camaño e contará coa actuación de diversos artistas e grupos que interpretarán poemas musicados da homenaxeada, intercalando lecturas de Cantares Gallegos, en conmemoración do 150 aniversario da publicación do que foi o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta.
Os músicos convidados para esta ocasión serán Samu Acuña, Juan José Mariño, David Iglesias, Xosé Constenla e Manoele de Felisa e entre @s lectorxs contaremos coa presenza de Daniel Costas, autor de Monicreques, entre outr@s.
Como colofón, no mes de marzo e no Museo Manuel Torres, a asociación traerá a Marín a exposición “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!”, froito da colaboración entre a Fundación Manuel María e o Concello de Pontevedra, e que conmemora o 125 aniversario do falecemento da escritora. A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e fundadora da literatura galega contemporánea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario