31 mar 2013

I Xornadas sobre Patrimonio. Iniciativas pola defensa e valorización do patrimonio galego

Acto: I Xornadas sobre Patrimonio. Iniciativas pola defensa e valorización do patrimonio galego.
Día: Mes de abril
Hora: 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

A Asociación Queremos Galego Marín, consciente da importancia de conservar e difundir o noso diverso e valioso patrimonio material e inmaterial para poder achegarnos e entender a cultura, a forma de vida e o ambiente que rodeaba os nosos antepasados, organiza ao longo do mes de abril as I Xornadas sobre Patrimonio Galego.
Esta primeira edición está adicada a iniciativas tanto individuais como colectivas para defender e valorizar o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural galego. As xornadas contarán con presentacións de libros, documentais e distintos roteiros pola vila de Marín para descubrir e coñecer o noso patrimonio.
Presentación “Herdeiros pola forza” e patrimoniogalego.net
As xornadas comezarán este vindeiro xoves, 4 de abril, ás 20 horas na Biblioteca Municipal Vidal Pazos coa presentación do libro “Herdeiros pola forza”, da editorial 2.0, e contará coa presenza dos seus autores Xurxo Ayán e Manuel Gago. Herdeiros pola forza é unha escolma de vivencias de quince anos de traballo profesional desde a investigación e a comunicación cultural ao longo de todo o país, escribindo episodios que combinan a reflexión coa acción e un amplo anecdotario vivido e sentido en proxectos e iniciativas dos seus autores.
En “Herdeiros pola forza”, Xurxo Ayán e Manuel Gago, avogan por transformar un modelo enquistado e esclerotizado de xestión do noso patrimonio cultural, devolvendo ás sociedades a relación coa súa propia memoria, e recuperando o sentido da nosa enorme herdanza e da nosa memoria. A sociedade galega do século XXI: urbana, usuaria das novas tecnoloxías e sometida a fortes procesos de tensión identitaria interna, precisa darlles novos sentidos ao patrimonio cultural. Este libro está escrito desde a crenza en que a nosa sociedade está a cambiar con rapidez, e está converténdose, gradualmente, ela mesma, en protagonista dese proceso de recuperación.
No mesmo acto tamén se presentará a iniciativa Patrimoniogalego.net, o maior catálogo social en liña dos bens culturais galegos que conta xa con máis de tres mil fichas e isto só dous anos despois de botar a andar este proxecto pensado para preservar o noso patrimonio cultural.
Ao contrario do que ocurre cos inventarios oficiais, patrimoniogalego.net permítelle á cidadanía poder involucrarse activamente a través dunha participación directa. Deste xeito, unha cada vez máis extensa rede de colaboradores vai abranguindo maiores áreas do noso territorio conforme avanza o proxecto. Algo de importancia capital, dada a inxente cantidade de bens patrimoniais existentes por toda a xeografía galega, a gran maioría dos cales están aínda pendentes de se catalogaren.
Visita ao Castro da Subidá
As xornadas continúan o sábado 6 de abril cunha visita ao castro da Subidá guiada polo arqueólogo marinense, profesor da Escola de Restauración de Pontevedra e coautor do libro “Petróglifos e outras prehistorias, cadernos de arqueoloxía marinense”, Álvaro Arizaga.
O Castro da Subidá, do latín civitas, significa cidade, está situado no alto da Porteliña entre as parroquias de San Xurxo de Mogor e de San Xulián e conta cunha acrópole ou croa de reducidas dimensións e planta ovalada, con dous promontorios rochosos que formarían parte das súas defensas. Aínda que os seus límites non están ben precisados, todo indica que o poboado tería unha considerábel extensión, entre as 3 e as 4 ha.
A principios dos anos 80 foron practicadas unhas pequenas sondaxes por Emilio Moledo Pérez e José Carlos Pascual Vázquez, do grupo de arqueoloxía García Alén, esta escavación puxo ao descuberto varias vivendas circulares na ladeira, fóra do recinto superior do castro.
No ano 2011 , dentro do proxecto Arela, un equipo de arqueólogos dirixidos por Carmen Torres, de Antas da Moura, limpou a mesma zona, de 140 metros cadrados, que 30 anos antes descubrira o grupo de arqueoloxía García Alén permitindo aos veciños e veciñas disfrutar parte deste asentamento primitivo recuperado.
A visita sairá o sábado 6 de abril ás 10:30 desde a Alameda Rosalía de Castro de Marín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario