8 abr 2013

Proxección: "Lume de fachós" e "Son de foliós"

Acto: Proxección documentais "Lume de fachós" e "Son de foliós"
Día: 18 de abril
Hora: 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
Despois da presentación dos libros “Herdeiros pola forza” e anuario “Fol de Veleno” e da visita ao castro da Subidá as Xornadas sobre patrimonio continuarán este vindeiro xoves 18 de abril coa proxección de dous documentais, “Lume de fachós” e “Son de foliós” do historiador e director estradense Seném Outeiro e un roteiro etnográfico conxunto co Grupo Cultural o Ronsel o domingo 21.
Lume de fachós, documental gravado no Castelo de Castro Caldelas, narra desde unha óptica antropolóxica a tradicional Festa dos Fachós da vila ourensana de Castro Caldelas. O documental pretende servir como un toque de atención sobre a necesaria posta en valor das festas tradicionais que corren o risco de se perder na Galiza.
A festa dos fachos é unha festa popular e de grande interese etnográfico que se celebra en Castro Caldelas o 19 de xaneiro de cada ano, coincidindo coa festividade de San Sebastián. Esta festa ten a súa orixe no século XVIII e segundo a tradición, os homes da vila encenden na noite do 19 de xaneiro grandes fachos, antorchas de palla, que portan en procesión até o castelo. Unha vez alí voltan á vila, onde fan con eles unha grande fogueira e bailan e cantan arredor dela, resultando un ritual moi vistoso.
Son de foliós, o segundo dos documentais que proxectaremos, describe a tradición do entroido de Vilariño de Conso dos foliós,embaixadas músico-carnavalescas que se envian reciprocamente unhas parroquias a outras durante o tempo de entroido, dentro da máis xenuína tradición de afirmación da identidade colectiva ( da parroquia neste caso) e de boas relacións coa vila ou a parroquía veciña coa que se manteñen as máis estreitas relacións.
Ámbolos dous documentais son producidos por Fílmika Galaika, produtora que xurdiu da necesidade dunha aposta forte pola problemática social da Galiza, esa que os medios de comunicación públicos e a meirande parte dos privados ignoran, segundo afirman desde a propia produtora.
Para a proxección destes dous documentais contaremos coa presenza do seu director Seném Outeiro, coñecido tamén por ser o cantante do mítico grupo galego de ska dos anos 90, Xenreira. Seném Outeiro ten gravado documentais de distintas temáticas como “O espíritu das trincadeiras” que relata a loita veciñal nos anos 90 dunha comunidade de montes contra o intento expropiador dos construtores da autovía Vigo-O Porriño, ou “Somos acó” que fala do desmantelamento do ensino público no rural galego. Tamén conta no seu haber coa gravación de videoclips musicais como o “Estarei” dos Labregos do tempo dos Sputniks ou  "Obama" de García MC e curtametraxes como “24” ou "Ínsula".
Para o domingo 21 está programado, tamén dentro das Xornadas sobre patrimonio, un roteiro para coñecer o patrimonio etnográfico de Seixo e Loira da man do Grupo Cultural o Ronsel. A saída será ás 10 h desde a casa da Cultura de Seixo e durante o percorrido os e as asistentes poderán ver distintas fontes, lavadoiros, pontes e muíños que compoñen o rico patrimonio etnográfico de Seixo e Loira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario