14 may. 2013

Día das Letras Galegas: Efecto Vidal Bolaño


Acto: Efecto Vidal Bolaño
Día: 17 de maio
Hora: 12H e 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín


A Asociación Queremos Galego Marín organiza para este venres 17 de maio dúas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas na nosa vila.


Presentación de “Dragal” de Elena Gallego Abad.
A primeira das actividades terá lugar a partir das 12 da mañán na biblioteca de Marín e consistirá nunha presentación para @s lectores/as máis pequen@s da triloxía “Dragal” escrita pola marinense Elena Gallego Abad. O obxectivo desta presentación é que aqueles/as d@s presentes que xa leran a triloxía intercambien opinións e reflexións coa escritora animando así ao resto a ler a historia do último dragón galego.
A triloxía Dragal está formada por “Dragal I. A herdanza do dragón”, publicado en 2010 e que xa vai pola 5ª edición acadando o premio Frei Martín Sarmiento no 2012; “Dragal II. A metamorfose do dragón”, publicado no 2011 e “Dragal III. A fraternidade do dragón”, publicado no ano 2012.
A triloxía da man de Ficción Producións converterase nun proxecto multimedia que adaptará a historia de Elena gallego ao cinema, aos videoxogos, ao cómic, contemplando tamén a creación dunha comunidade de fans a través das redes sociais.

Efecto Vidal Bolaño. Lectura dramatizada colectiva.
Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle adican este ano o Día das Letras Galegas, é considerado coma unha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable.
É indiscutible a importancia da figura de RVB para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade.
A produción de Roberto Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. É precisamente por este compromiso coa língua e co país polo que as institucións non están a adicar todos os esforzos necesarios na promoción da súa figura e obra como se deberan, sendo este o ano en que se lle adican as Letras Galegas, deixando, en calquera caso, no esquecemento as súas obras máis reivindicativas.
A Asociación Queremos Galego Marín recollendo a luva lanzada por Roberto Vidal Bolaño na súa obra “Caprice de Dieux” (1985): “ata a uns actores de talento dubidoso e de oficio incauto lles asiste, cando lles peta, o privilexio de facer o pallaso”, realizará a súa particular homenaxe ao autor facendo unha lectura dramatizada de varios dos seus textos. Para esta lectura contamos coa inestimábel axuda do autor, actor e director teatral Zé Paredes. Será na Biblioteca Municipal Vidal Pazos a partir das 20h00.






No hay comentarios:

Publicar un comentario