27 jun 2013

Entrega dos Premios Lingua de Ouro e Lingua de Trapo

Acto: Entrega dos Premios de Lingua de Ouro e Premio de Trapo
Día: 5 de xullo
Hora: 21:30h
Lugar: Restaurante Xan Xián
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

A Asociación Queremos Galego Marín organiza este venres 5 de xullo a 4ª edición dos Premios Lingua que se entregarán durante o transcurso dunha cea no restaurante Xan Xián.
Desde a última edición dos Premios Lingua, en xullo do pasado ano, a situación precaria da nosa lingua tense incrementado polas políticas lingüicidas do goberno da Xunta e do estado.
No ensino, que debería ser un dos piares fundamentais para o mantemento do galego, a Xunta, ademais de non se cuestionar o mal chamado "Decreto do plurilingüismo" e a pesar das sentenzas parciais na súa contra , está a recortar o orzamento para a promoción da nosa lingua por parte dos equipos de normalización dos centros educativos. A isto vénselle sumar a aprobación por parte do goberno do estado da coñecida como "Lei Wert", unha vergoña de lei que pretende, asemade de abrir o camiño cara á privatización do ensino, reducir a presenza das linguas minorizadas como o galego nas aulas.
A situación da nosa lingua noutros ámbitos tampouco é moito mellor. Na xustiza, da que tanto se falou ao longo deste último ano, o uso do galego está practicamente desaparecido, dependendo do voluntarismo e a conciencia dos funcionarios e funcionarias desa administración.
O caso dos sinais de tráfico en galego en Pontevedra, o cambio dos sinais das autoestradas ignorando o noso idioma, a falta de sinalización en galego no porto de Marín, a pesar das reiteradas peticións da nosa asociación, as dificultades para que o cinema en galego sexa proxectado nas salas de cine, son o pan de cada día da nosa lingua e reflicten á perfección a súa precaria situación.
É neste contexto, ou precisamente por este contexto, polo que a Asociación Queremos Galego Marín quere recoñecer o labor das persoas ou entidades que contribúen a normalizar o noso idioma e dar un pequeno tirón de orellas a aquelas persoas ou entidades que o ignoran ou desprezan.
O premio Lingua de Ouro 2013 da Asociación Queremos Galego Marín vai destinado a Manuel Rodríguez Pastoriza “o Norteiro”, membro fundador da coñecida comparsa de entroido, o Xarángallo Mángallo.
Falar de Xarángallo Mángallo e polo tanto do “Norteiro” é falar do entroido de Marín. Este, sen a súa contribución, non sería como é na actualidade. Premiamos, pois, o “Norteiro” polo seu inconmesurábel labor co Xarángallo Mángallo a prol da cultura da nosa vila.
O premio Lingua de Trapo 2013 que outorga a nosa asociación irá parar a mans da Concelleira de Cultura do Concello de Marín, Beatriz Rodríguez Gómez. Con esta distinción a Asociación Queremos Galego Marín quere animar a concelleira a que empregue o galego en todos os actos públicos onde participe. Ademais de tomar conciencia sobre a necesidade de realizar políticas para a normalización e difusión da cultura e lingua galega no noso concello.
Aínda que sabemos que a área de festexos e eventos non é da súa total competencia tamén pensamos que algo terá que dicir da programación das festas de Marín deste ano nas que o galego e a nosa cultura non están presentes.
Esta cea, ademais de ser un recoñecemento para a persoa premiada co Lingua de Ouro, pretende servir como agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron coa nosa asociación ao longo deste último ano.
A Asociación Queremos Galego Marín quere animar a todos os veciños e veciñas de Marín a que participen deste acto que terá lugar o vindeiro 5 de xullo no restaurante Xan Xián a partir das 21:30h. As persoas que desexen participar na cea –cun prezo de 20 euros–, deberán adquirir por anticipado os bonos a través do correo queremosgalegomarin@gmail.com ou no teléfono 658 044 507 até completar o aforo.
O acto contará coa actuación musical de Xosé Constenla, coñecido cantautor compostelán que conta con dous discos e que acaba de gravar un terceiro en directo este pasado 28 de xuño no Salón Teatro de Santiago.


No hay comentarios:

Publicar un comentario