7 nov 2013

Conferencia "O galego na xustiza"


Acto: Conferencia "O galego na xustiza"
Día: 13 de novembro
Hora: 20horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín pecha este vindeiro mércores 13 de novembro ás 20h na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín o ciclo de actos enmarcados nas “Xornadas Ser lingua non é fácil” cunha conferencia sobre a situación da lingua galega na administración de xustiza.
Malia seren galegos/as o 90% dos xuíces e das xuízas, a nosa lingua é escasamente utilizada nos xulgados e tribunais galegos ata ficar practicamente na marxinalidade, o que se reflicte en que apenas o 5% das resolucións xudiciais están redactadas neste idioma.
Aínda que falen habitualmente en galego, moitas das persoas usuarias da administración de xustiza deixan a súa lingua fóra do xulgado cando cruzan as súas portas por creren que na xustiza non se fala nin se pode falar galego. Son os mesmos prexuízos que provocan o cambio ao castelán en ámbitos formais como a consulta dun médico, unha oficina bancaria, a notaría, etc.
Alén das razóns de cada xulgado e dos seus funcionarios e funcionarias para non usaren o galego como lingua de traballo, hai que destacar tamén a falta de medios axeitados para favorecer o seu uso e que a aplicación informática non teña os documentos traducidos ao galego deixando á boa vontade e á destreza do funcionariado esta tarefa.
O uso do galego na administración da xustiza non goza, pois, dunha situación normalizada, e son honrosas e contadas as excepcións de maxistrados como Luis Villares e Xosé Xoán Barreiro, fiscais como Carlos Varela, e mais os avogados/as e funcionarios/as da administración de xustiza que fan parte da Irmandade Xurídica Galega e que promoven o emprego do idioma no ámbito da xustiza.
Para achegarnos a esta situación, a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza do maxistrado da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado, considerado o maxistrado que máis resolucións ten ditado en galego na historia da nosa lingua, e de Anxos Sobriño membro do equipo lingüístico da Audiencia Provincial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario