Acto: Presentación
"Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)
Día: 13 de decembro
Día: 13 de decembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: APRMHM
Organiza: APRMHM
O venres 13 de decembro, ás 20 horas, no salón de actos
da Biblioteca Pública Municipal de Marín (Avenida de Ourense 6), o
mestre e historiador Xosé Álvarez Castro presentará o seu libro “Pontevedra nos anos
do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)".
O acto está organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria
Histórica de Marín e Edicións Xerais de Galicia.
Xosé Álvarez participa activamente no asociacionismo cultural (Cedofeita),
de recuperación da memoria histórica (Cidadanía pola Verdade, Sempre
con vós) e renovación pedagóxica (Nova Escola Galega).
É autor de numerosos artigos sobre historia, medio ambiente e didáctica en
revistas como Cedofeita, Revista Galega de Educación ou Cuadernos
de Pedagogía. Ademáis é autor do blog "Pontevedra nos anos do
medo" (anosdomedo.blogspot.com)
dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa.
En 2011 a Fundación Alexandre Bóveda concedeulle o VI Premio Día da Galiza
Mártir á recuperación da memoria histórica.
Resultado de varios anos de investigación, “Pontevedra nos anos do
medo. Golpe militar e represión (1936-1939)" céntrase na
represión levada a cabo na comarca de Pontevedra tras o golpe militar de xullo
de 1936. O enfoque divulgativo desta obra combínase cun tratamento sistemático
e global do tema, que se estrutura en tres grandes apartados: a situación
político-social previa á sublevación, a trama conspiratoria coa execución do
golpe, e os axentes e mecanismos da represión posterior.
O emprego de fontes documentais inéditas, así como de testemuños orais,
contribúe a proporcionar un tratamento novidoso no estudo do fenómeno
represivo, concedendo especial atención ao achegamento ás historias da vida das
vítimas. O autor da obra salienta a necesidade de divulgar, de contar o que
aconteceu, porque a investigación perde o seu sentido cando non se perfecciona
coa divulgación.
Neste traballo recóllese diversa información sobre o Marín daqueles
tempos. O papel do fascista alemán domiciliado en Marín, Bruno
Schwieger Damboeck, o "capitán Bruno"; o bando emitido o 9 de
setembro de 1936 polo alcalde imposto e delegado de Orden Público de
Marín, José Alcántara Fernández; a sublevación e posterior
intervención militar dos hidroavións Saviola-Marchetti S62 do "Destacamento
Aeronaval de Marín" así como da "Escuela de Artillería
Polígono de Tiro Naval Janer" baixo o mando de Francisco
Bastarreche, etc...
No hay comentarios:
Publicar un comentario