Día: 10 de xaneiro
Hora: 20:30
Lugar: Biblioteca de Marín
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Almuinha
Este venres 10 de xaneiro ás 20:30h. no Salón de Actos da Biblioteca de Marín terá lugar a presentación na nosa vila do novo libro de Anselmo López Carreira "Historia de Galicia", organizada pola A.C. Almuinha.
Anselmo López Carreira naceu en Vigo no ano 1951. Licenciado en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela en 1976 e Doutorado en Historia na mesma Universidade en 1994.Catedrático de Historia no IES María Soliño de Cangas, Profesor-Titor na UNED de Ourense e Doutor Vinculado no Instituto "Padre Sarmiento" de Estudos Galegos.
Investigador da historia medieval da Galiza, ten publicados gran cantidade de artigos en diferentes revistas (Grial, Boletín Auriense, Brigantium, Murguía...) e ponencias en libros colectivos, así como colaboracións en distintos medios.
A dialéctica social do ser humano, actuando secularmente no seu contorno, foi creando as comunidades nacionais, que se procuran e se recoñecen na experiencia da súa propia historia. O nacemento da moderna conciencia nacional galega, no século XIX, está estreitamente vinculado á elaboración do discurso histórico, que ao mesmo tempo é resultado da existencia da nación e elemento axente da súa configuración. Desde aquela altura ata hoxe o acervo historiográfico foise incrementando en cantidade e calidade científica, tanto en obras globais como en monografías, de divulgación ou especializadas. Focalizada desde unha perspectiva na que Galicia constitúe o seu propio centro, e cunha clara intención divulgativa, esta Historia de Galicia de Anselmo López Carreira recolle e sintetiza as achegas proporcionadas polo conxunto de historiadores que ofrecen ao país unha imaxe coherente de si mesmo e pretende ser un elemento útil na construción desta comunidade de convivencia que é a nación galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario