7 may 2014

Acto: Inauguración "Exposición das Letras Galegas" e presentación "Coa lingua na terra"

Acto: Inauguración "Exposición das Letras Galegas" e presentación "Coa lingua na terra"
Día: 16 de maio
Hora: 19:30 horas
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
Para celebrarmos o Día das Letras Galegas deste ano 2014, a Asociación Queremos Galego Marín neste mes de maio organiza tres interesantes actividades ao redor da lingua e o mundo da ilustración.
“Exposición das Letras Galegas”
O venres 16 de maio, a partir das 19:30h no Museo Manuel Torres de Marín, terá lugar a inauguración da “Exposición das Letras Galegas”, un conxunto de 37 ilustracións elaboradas polo debuxante cuntiense Héitor Picallo nas que caricaturiza todas e todos os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas. A mostra poderá visitarse no horario do Museo Manuel Torres desde o propio venres 16 até o venres 23 de maio.
As caricaturas coas que o ilustrador homenaxea as e os escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde Rosalía de Castro até Xosé María Diaz Castro, están feitas con recortes de xornais en galego, tintas chinesas, teas de tapizar, cortiza de sobreira, madeira de castiñeiro, madeira de cedro e, sobre todo, acuarela e augatinta.
Algunha destas caricaturas foron portada en xornais como Galicia Hoxe (caricatura de Lorenzo Varela e Lois Pereiro, nos anos 2005 e 2011 respectivamente), El Correo Gallego (caricatura de Valentín Paz Andrade e Roberto Vidal Bolaño, en 2012 e 2013 respectivamente), suplementos culturais do Diario de Pontevedra (caricatura de Xaquín Lorenzo no 2004).
“Coa lingua na terra”
Con posterioridade ao acto da inauguración da exposición, a asociación presentará no mesmo espazo o novo libro do propio Héitor Picallo, Coa lingua na terra.
Publicada pola editorial Toxosoutos e prologada por Xosé María Lema Suárez, esta obra é unha escolma de artigos publicados en distintos medios de comunicación e na páxina web da Plataforma Prolingua e, xunto con outros textos inéditos, amosan o compromiso do autor coa defensa da lingua e cultura galegas. O libro inclúe, ademais dos artigos, outros retratos de escritores amigos e autores admirados por Picallo, feito que o converten nunha obra singular.
O acto será presentado por Román Cerqueiro Landín, profesor de Lingua e contará coa presenza do autor e Clodio González en representación da Editorial Toxosoutos.
 “O bichero: menudo día”
Malia os múltiples atrancos que existen hoxe en día para empregar o noso idioma, o galego é unha lingua viva e moderna da que nos sentir orgullosos xa que, alén da literatura, ocupa outros ámbitos como as artes plásticas, a música, o cine, o teatro, a publicidade, a banda deseñada e deseño gráfico.
Un dos exemplos de como o galego chega e gusta a moita xente témolo co artista Luis Davila cuxo libro “O bichero, menudo día” presentará a nosa asociación o xoves 22 de maio a partir das 19:30h no museo Manuel Torres.
“O bichero, menudo día” é a última publicación do debuxante buenense Luis Davila, considerado un dos mellores humoristas gráficos de Galiza e popularmente coñecido polo seu traballo diario na tira cómica O Bichero do xornal Faro de Vigo.
“O Bichero, menudo día” reúne en 132 páxinas máis de 200 tiras cómicas a cor, que representan unha selección dos traballos máis emblemáticos creados polo artista gráfico nos últimos 4 anos. A obra, a quinta publicada por Davila, xorde como complemento do espectáculo “Menú do día” que está a representar nos escenarios galegos xunto co autor Carlos Blanco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario