19 may 2014

Presentación "O Bichero, menudo día"

Acto: Presentación "O Bichero, menudo día"
Día:  22 de maio
Hora: 19:30 horas
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
Despois de presentarmos o pasado venres, 16 de maio, o libro “Coa lingua na terra” de Héitor Picallo e inaugurado a Exposición das Letras Galegas, a Asociación Queremos Galego Marín, no marco da celebración do Día das Letras Galegas, continúa coa súa programación coa presentación do “Bichero, menudo día”.
Malia os múltiples atrancos que existen hoxe en día para empregar con normalidade o noso idioma, o galego segue a ser unha lingua viva e moderna da que nos sentir orgullos@s. Alén de campos como a literatura, con escritoras e escritores recoñecidos, o galego ocupa outros ámbitos como  a ciencia, as artes plásticas, a música, o cine, o teatro, a publicidade, o deseño gráfico ou a banda deseñada.
E precisamente sobre banda deseñada, tiras cómicas e o galego falaranos Luis Davila cuxo libro “o Bichero, menudo día” presentará a Asociación Queremos Galego Marín este xoves, 22 de maio, a partir das 19:30h no Museo Manuel Torres.
“O bichero, menudo día” é a última publicación do debuxante buenense Luis Davila, considerado un dos mellores humoristas gráficos de Galiza e popularmente coñecido polo seu traballo diario na tira cómica O Bichero do xornal Faro de Vigo.
“O Bichero, menudo día” reúne en 132 páxinas máis de 200 tiras cómicas a cor, que representan unha selección dos traballos máis emblemáticos creados polo artista gráfico nos últimos 4 anos. A obra, a quinta publicada por Davila, xorde como complemento do espectáculo “Menú do día” que está a representar nos escenarios galegos xunto co autor Carlos Blanco.
Lembramos que a Exposición das Letras Galegas poderase visitar nos horarios habituais do Museo Manuel Torres até o vindero venres 23 de maio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario