19 sept 2014

Andaina polo Monte Pornedo no solpor

Acto: Andaina polo Monte Pornedo
Día: 27 de setembro
Hora: 17:30h
Saída: cruce da estrada provincial EP-0019 Marín-Figueirido coa pista do Regueiriño
Organiza: Asociación Monte Pituco
A Asociación Monte Pituco de Marín organiza unha “andaina polo Monte Pituco no solpor”, que se realizará o vindeiro sábado 27 de setembro con saída ás 17:30 horas dende a arboreda do Pituco, na estrada de Figueirido EP-0019, a carón do cruce coa pista do Regueiriño. O obxectivo desta ruta -de tres horas de duración e cunha dificultade media/baixa- é dar a coñecer os gravados rupestres da contorna, coa posibilidade de observalos coa luz do atardecer, cando os gravados prehistóricos se aprecian en condicións óptimas.
No itinerario programado atópanse os conxuntos rupestres do Pornedo, da Carrasca e de Champás, e os petroglifos de Sete Camiños e Pinal de Caeiro, todos eles situados no monte veciñal da parroquia de San Xulián. Este roteiro tamén pretende poñer en valor o monte, sensibilizar a cidadanía sobre a necesidade de conservar e protexer este patrimonio arqueolóxico, catalogado como Ben de Interese Cultural.
Así como noutros montes comunais da contorna -Salcedo (Pontevedra), Combarro (Poio), Lantaño (Portas), Tourón (Ponte Caldelas), Ramallosa (Baiona)...- se aposta pola promoción da natureza e do medio ambiente, pola recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico, o monte veciñal de San Xulián posúe un enorme potencial que pasa completamente desapercibido por falta de mantemento e sinalización, que conleva o seu descoñecemento.
A veciñanza descoñece que nos petroglifos do Pornedo conviven formas xeométricas circulares con figuras de armas, que acentúan a súa singularidade; que os gravados rupestres de Sete Camiños son das poucas representacións zoomorfas localizadas nesta zona; que o de Pinal de Caeiro é coñecido popularmente como 'O ciclista' pola súa atípica morfoloxía semellante a unha bicicleta. Como tamén se ignora que o conxunto rupestre da Carrasca nada ten que envexar aos famosos petroglifos de Mogor; ou o carácter monumental do conxunto rupestre de Champás, cuns penedos dispostos en forma de asento que lle mereceron o nome de “silla de Champás”.
Boa parte deste patrimonio corre o risco de desaparecer porque está afectado por diversos proxectos de infraestruturas, como o polígono industrial contemplado no PXOM ou a nova rede de abastecemento de auga. A Asociación Monte Pituco ten interpostos senllos recursos contra os plans do Concello de Marín e da Xunta de destruír este monte, clasificado como Espazo Natural no ámbito dos Montes do Morrazo.
A organización desta “andaina polo Monte Pituco no solpor” responde á demanda do público que asistiu á ruta realizada en agosto pola zona incluída no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que abrangue os montes veciñais de San Xulián de Marín e de Salcedo e Lourizán, en Pontevedra. Daquela, unhas 80 persoas asistiron ao roteiro e amosaron o seu interese polos bens de carácter histórico que contén esta área, a súa beleza paisaxística e o patrimonio inmaterial que o complementa, en forma de lendas recollidas da tradición oral.
O itinerario será circular e discurrirá pola pista forestal do Pituco, por antigos camiños de monte e por un treito da pista de servizo da variante de Marín. A andaina rematará no punto de partida, con música 
e petiscos. En caso de chuvia, adiaríase ata novo aviso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario