23 oct 2014

Charla coloquio "O mundo da morte, os defuntos e as ánimas na cultura galega"

Acto: Charla coloquio "O mundo da morte, os defuntos e as ánimas na cultura galega"
Día:  30 de outubro
Hora: 20:30horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A morte e as crenzas populares que a rodean tivo, e seguen a ter, un fondo influxo social en Galiza e isto débese sen dúbida ao fondo arraigamento que na cultura galega posúe o culto ás e aos devanceiros, o respecto aos e ás mortas e ás fúnebres cerimonias que rodean o paso á outra vida, como a mortalla, o velorio, o pranto, o pan do defunto e outras moitas manifestacións que son, ou foron, tradicionais.
Aproveitando a proximidade do día de santos e defuntos a Asociación Queremos Galego Marín organiza unha charla ao redor do mundo da morte, os defuntos e as ánimas na cultura galega na que contaremos co antropólogo pontevedrés e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Rafa Quintía.
Malia vivirmos, pois, dun xeito especial a morte e termos unha lingua propia, o galego, na que foron transmitidas as crenzas populares e rituais arredor da morte, podemos comprobar ao longo do ano, mais sobre todo no día de defuntos, como se produce un feito, que desde a Asociación Queremos Galego Marín, consideramos un síntoma máis da anómala situación que vive a nosa lingua.
Así a lingua galega fica excluída en esquelas, notas necrolóxicas, epitafios en lápidas, cintas en ramos de flores e coroas, tarxetas, ritos relixiosos – se os houber – e mesmo na inscrición oficial do falecemento e expedición de certificados de defunción por unha inercia que leva a empresas e organismos relacionados cos pasamentos a ofreceren os seus servizos só en castellano. Prodúcese así unha contradición entre a aldea d@s viv@s, onde o galego é maioritario, e a aldea d@s mort@s onde a nosa lingua é minorizada ou excluída. Non é natural.
Por iso, un ano máis, desde a Asociación Queremos Galego Marín reivindicamos o dereito das e dos galegos, se así o desexaren, a morrer en galego e demandamos das empresas e medios vencellados co proceso da morte: tanatorios, funerarias, medios de comunicación (radio, prensa...), florarías, tendas de motivos relixiosos e lápidas a aplicación do principio de “oferta positiva”, isto é a realización en galego, de oficio, en todas as súas actuacións, a non ser, loxicamente, que exista vontade individual da ou do cliente en sentido contrario, obviamente respectábel.
Somos conscientes de que a plena normalización da nosa lingua precisa da implicación dos poderes e organismos públicos, mais tamén e sobre todo das e dos particulares. Pois son os cidadáns e cidadas quen teñen que asumir responsabelmente a vontade de galeguizar as súas propias relacións, promovendo un cambio de actitudes lingüísticas na sociedade. Por iso, desde a Asociación Queremos Galego Marín animamos a cidadanía para que incorpore a lingua galega nos testamentos, incluíndo ademais unha cláusula dirixida aos/ás legatari@s para que protexan e fomenten no futuro o noso idioma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario