18 oct. 2014

Club de lectura "La higuera"

Acto: Club de lectura "La higuera"
Día: 24 de outubro
Hora: 18H
Lugar: Cámara Agraria de Marín
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro
A Asociación de Mulleres O Abeiro celebra o venres, 24 de outubro, ás 18h unha nova xuntanza do club de lectura na cámara agraria. O libro a comentar este mes é "La higuera" do que hai unha referencia un pouco máis abaixo. A Asociación de Mulleres o Abeiro convida a todas aquelas persoas amantes da literatura a que participen no club de lectura e lembra que a asociación dispón dunha pequena biblioteca a disposición das súas socias.
A construción en 1966 dun novo instituto de ensinanza media en Getxo desenterra a historia do home solitario que decidiu recluirse no soar e coidar dunha figueira ao pouco de acabar a guerra civil. Trátase de Rogelio Cerón, un dos falanxistas que foron casa por casa para levarse a fusilar contra as tapias do cemiterio a varios dos homes de Getxo. Nunha das súas visitas, Cerón tropézase coa mirada de odio dun neno que se resiste a que lle arrebaten o seu pai, unha mirada que desperta de inmediato na imaxinación do falanxista a certeza de que ese neno, cando creza, matarao. A súa suxestión aumenta ao día seguinte, cando se encontra con que os fusilados están enterrados nunha fosa común onde alguén plantou unha figueira. Cerón xa non poderá ser o mesmo. Incluso vixiará estreitamente a vida dese neno, intentará afastalo de Getxo, tutelar os seus estudos para evitar a maldición, o retorno insufrible do pasado e a culpa.
Ramiro Pinilla, bilbaino nado en 1923, traballou como marino e como administrador da Fábrica Municipal de Gas en Bilbao. Comezou a escribir aos 18 anos, e a publicar en 1944. Nos anos setenta, creou a editorial Libropueblo, que distrubuiría localmente en Bilbo e a prezo de custo, e gañouse a vida escribindo textos para álbumes de cromos e biografías por encargo. Tras un longo periodo sen publicar, que non sen escribir, voltou facelo en 1997. Entre outros premios obtivo o Nadal en 1960, o da Crítica Narrativa Castellana en 1962 e no 2005, e o Nacional de Literatura na súa modalidade de narrativa no ano 2006.

No hay comentarios:

Publicar un comentario