Acto: Foro aberto de debate "Reforma electoral e participación cidadá"
Día: 17 de outubro
Hora: 20:30 horas
Lugar: Local Ateneo Santa Cecilia
Día: 17 de outubro
Hora: 20:30 horas
Lugar: Local Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns
O Movemento Veciñal a Prol dos Bens
Comúns naceu a comezos do ano 2012, en plena ofensiva privatizadora dos
servizos públicos, do recorte de dereitos políticos, sociais e laborais, levada
adiante por distintos gobernos, independentemente da súa cor e ámbito, e
practicamente en todas as institucións. A nosa intención foi e segue a ser
concienciar e promover unha mobilización en defensa dos bens comúns: a sanidade
pública, as prestacións por desemprego, as pensións, os dereitos democráticos,
etc.
Con esta intención ao longo destes
anos, organizamos concentracións, actos públicos, debates, participamos en
manifestacións organizadas por outras plataformas en defensa da sanidade e dos
servizos públicos e protestamos pacífica, silenciosa, reiterada e contundentemente
nos plenos do concello de Marín contra as políticas de recortes.
Despois de máis de 30 meses da
creación do Movemento os motivos e obxectivos que perseguíamos naquela altura
están máis vixentes do que nunca. Os servizos públicos seguen a sufrir recortes
e privatizacións, os dereitos de manifestación e opinión son limitados, os
dereitos sociais e laborais case desapareceron.
Polo tanto, reafirmámonos como un movemento veciñal político, aberto, plural
e apartidario, lonxe, xa que logo, dos esquemas, lóxicas e intereses dos
partidos políticos.
E valorando como positiva a nosa
acción durante todo este tempo, relanzamos a nosa actividade este curso
organizando un foro de debate no que o protagonismo e o peso será das persoas
partícipes. A maior parte dos actos e debates, os nosos incluídos, que se
celebran na nosa vila teñen como único protagonista a ou o conferenciante
deixando a veciñanza como mera espectadora.
O Movemento Veciñal a Prol dos Bens
Comúns quere romper con esa dinámica, por iso poñemos a andar un novo formato
no que as e os veciños sexan os protagonistas, para que tomen a palabra e
expresen a súa opinións libremente sobre os distintos temas que vaiamos
propoñendo para tirarmos conclusións conxuntas, sen necesidade de
intermediarios, que abran novas vías de actuación.
O primeiro destes debates
celebrarase o vindeiro 17 de outubro a partir das 20:30h no local do Ateneo
Santa Cecilia arredor da reforma electoral proposta polo goberno do estado e a
participación cidadá nos concellos e outras institucións.
No mes de Novembro
temos previsto debater sobre a dotación sanitaria no concello de Marín, sobre
as condicións mínimas que debe ter o novo centro de saúde así como a xestión
que se vai facer del.
No hay comentarios:
Publicar un comentario