12 nov 2014

Roteiro pola protección dos Montes de Cela e Ardán

Acto: Roteiro pola protección dos Montes de Cela e Ardán
Día: 16 de novembro
Hora: 11h
Saída: Igrexario de Cela (Bueu)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 16 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e arqueolóxica dos montes das parroquias de Cela (Bueu) e Ardán (Marín).
O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá ás 11 da mañá do adro do igrexario románico de Cela para chegar ás 14h da tarde ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por viais rurais, camiños de pé, corredoiras, pistas forestais, o sendeiro ecolóxico do Morrazo e o sendeiro de curto percorrido de Chans, os lugares de A Pena, Paradela, Borras, primeiro paso por Chans de Cela, Outeiro da Teixugueira, segundo paso por Chans de Cela, Chans Maiores, Alto da Telleira, Costa Grande, A Costiña e Igrexario.
Os puntos de maior interese deste percorrido son as carballeiras, bosque de ribeira e brañas do nacemento do rego da Pena; as uceiras secas de Chans de Cela e Chans Maiores; carballeira e restos do asentamento castrexo e altomedieval do Monte Castelo de Ardán; miradoiro da penedía de Outeiro da Teixugueira (348 m. sobre a ría de Pontevedra); miradoiro do Alto da Telleira (375 m. sobre a ría de Pontevedra); carballeira e sobreiras de Costa Grande.
Por considerarmolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a inclusión dos montes destas dúas parroquias como ampliables dentro da proposta de ampliación da Rede Natura galega que constituíse un novo LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro.
Baseabamos esta petición na mistura dos hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas e uceiras secas europeas, cos hábitats prioritarios de bosque aluvial de clima atemperado e de uceiras húmidas atlánticas, e unha importante fauna e flora asociada aos ecosistemas forestais, húmidos e espazos abertos, con endemismos do nororeste ibérico e especies ameazadas e vulnerábeis.
Dende hai anos até a actualidade estes montes están sendo afectados por monocultivos forestais, eucaliptización e introdución doutras especies alóctonas, pirófitas e invasoras, cortas de arborado autóctono, apertura de pistas forestais, verteduras de lixo e entullos, recheos, aparcamento, circuito e masificación de vehículos rodados e motorizados, etc.
Estes montes están catalogados na actualidade como solo rústico de protección forestal, de augas ou patrimonial e, ao noso entender, esta catalogación non se corresponde cunha protección axeitada para o seu auténtico valor ambiental.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-1304 á que se pode incorporar á beira da estrada PO-551 tralos semáforos fronte á segunda baixada ao centro urbano e porto de Bueu, collendo o vial de subida que a súa dereita pon Norte-Outeiro-Igrexario. Ou, seguindo en dirección a Marín pola mesma PO-551, arredor de kilómetro e medio máis adiante fronte á panadería Freire e segunda baixada á praia de Portomaior, collendo o vial de subida que pon A Torre-Cela. Tamén se pode acceder por un pequeno vial á beira da estrada PO-313 Moaña-Marín no lugar de Broullón, onde preto do Bar do Sastre hai que coller o vial de subida á beira da nave industrial de Hnos. Fervenza, torcer á dereita nunha primeira curva, outra vez á dereita diante dunha pequena rotonda con monólito, posteriormente á esquerda de baixada e unha vez entrado no núcleo de vivendas, un último desvío á dereita unha vez entroncado coa estrada EP-1304 preto do Igrexario.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento no adro do igrexario, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.
http://defendeomorrazo.wordpress.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario