18 mar 2015

Presentación Leviatán

Acto: Presentación "Leviatán"
Día:  26 de marzo
Hora: 20horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Cultural Queremos Galego Marin organiza o próximo xoves 26 de Marzo a presentación da obra de Ramón Trigo “Leviatán”, na Biblioteca Municipal ás 20h.
Na recente edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia, a obra Leviatán de Ramón Trigo -publicada no selo Faktoría K, de Kalandraka- foi galardoada co Premio Isaac Díaz Pardo ao libro mellor ilustrado publicado en galego durante o ano 2014.
De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística como ilustrador e debuxante de cómic en xornais e revistas especializadas. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais e realiza exposicións, ademais da súa faceta como escultor. A súa obra presentouse en Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Foi incluído na selección The White Ravens. Entre os galardóns recibidos figuran o Premio Arte Xoven Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alacante e Cabildo de Gran Canaria, e o Premio Lazarillo.
“Leviatán” é unha proposta pictórica do artista Ramón Trigo, de imaxes rotundas para unha historia novidosa e enigmática na que abundan as referencias a outros textos, dende “Moby Dick” ao “Libro dos Salmos”. No fondo, é un traballo cunha importante carga simbólica: a complexa relación entre os seres humanos e a natureza, as agresións que sofre o planeta que, malia todo, continúa o seu cíclico devir.
Dende o punto de vista artístico, “Leviatán” destaca pola forza e pola expresividade das ilustracións, representadas cunha paleta de cores básica e trazos esquemáticos. A multiplicidade de planos e perspectivas suxire un plantexamento cinematográfico na sucesión das imaxes, ao ritmo da lectura. Ramón Trigo non escatima en metáforas visuais e sorprendentes xogos humorísticos nun único e desacougante escenario: o océano.

A nivel literario, trátase dunha historia con estrutura circular, a base de frases breves e descritivas. En conxunto, un texto onde o misterio atrapa a atención dos lectores, que son partícipes das peripecias da tripulación dun barco na súa ardua persecución dunha enorme balea, como alegorías do mundo e dos seus insensibles habitantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario