28 oct 2015

Inauguración exposición fotográfica de Foni Diaz

Acto: Inauguración exposición fotográfica de Foni Diaz
Día:  3 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia

Organiza: Ateneo Santa Cecilia

As paisaxes, a cultura e a realidade social dos países africanos protagonizan a exposición de fotografía do profesor Alfonso 'Foni' Díaz, que se vai inaugurar mañá martes ás 20:00 horas no Ateneo Santa Cecilia de Marín, cunha charla do autor. A mostra permanecerá aberta ao público de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 11:00 a 14:00 horas.
Foni Díaz é licenciado en Xeografía e Historia e imparte clases no IES de Ponte Caldelas. Afeccionado ás viaxes e á fotografía dende a mocidade, viaxou primeiro por toda a Península facendo autostop e coándose nos trens; posteriormente, cunha mochila como única equipaxe, foi percorrendo un cento de países de África, Asia, América e Europa. Nesas aventuras acumulou valiosas experiencias, como os descensos polos ríos Amazonas ou Mekong.
As fotografías expostas no Ateneo Santa Cecilia céntranse exclusivamente no continente africano: Etiopía, Zambia, Mali, Kenya, Tanzania, Burkina Faso ou Senegal, entre outros territorios. Como curiosidade, a mostra inclúe unha pequena selección de instantáneas realizadas pola filla de Foni Díaz, Xiana Díaz, que con só 8 anos xa acompañaba o seu pai nas súas andanzas polo mundo.
Este profesor e fotógrafo ten participado en diversas exposicións de fotografía sobre viaxes e natureza, tanto en Galicia como no resto de España e tamén en Portugal. Moitas das súas imaxes téñense publicado, xunto con artigos asinados polo propio autor, na revista galego-portuguesa “Elipse”, na que colabora habitualmente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario