28 oct 2015

Presentación "Coma unha áncora"

Acto: Presentación "Coma unha áncora"
Día: 4 de novembro
Hora: 20 horas
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

O mércores 4 de novembro a Asociación Queremos Galego Marín, dentro da súa sección "O Tiraverbas", presentará o primeiro libro, “Coma unha áncora”, da escritora afincada no Morrazo Iria Collazo López. Este libro conta a historia dun naufraxio, ambientado en Moaña, con saltos tanto no tempo como no espazo.

Para este acto que se desenvolverá no Museo Manuel Torres a partir das 20h a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza da escritora e de Francisco Castro, escritor e editor de Galaxia.

Iria Collazo López
Naceu en Barro (Pontevedra) en 1981, pero leva no Morrazo (primeiro en Moaña, agora en Cangas) desde os sete anos. As historias que lle contaron, que vive e que respira nestes dous lugares impregnan boa parte do que escribe. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo e titulouse co Premio Extraordinario Fin de Carreira. Ao ano seguinte aprobou as oposicións ao Ensino Secundario e hoxe exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no IES As Barxas, de Moaña. "Coma unha áncora" é a súa primeira obra literaria publicada, e tamén a primeira que se atreveu a escribir.

Francisco Castro
Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.
É autor do libro de relatos eróticos "Xeografías", de "A canción do náufrago", ambos de 2001, e do relato histórico "Memorial do infortunio". En 2004 publicou "Xeración perdida", novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e "Un bosque cheo de faias", que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con "Spam" que publica Galaxia.
En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela "As palabras da néboa", publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica "O ceo dos afogados" que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.
En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado "Borobó despedido". No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de "Chamádeme Simbad" (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e "O segredo de Marco Polo" (2010).
En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra "O corazón da Branca de Neve" e, en 2014, publicou a novela xuvenil "Tes ata as 10".

No hay comentarios:

Publicar un comentario