8 oct 2015

Roteiro pola protección do Rego da Fraga

Acto: Roteiro pola protección do Rego da Fraga
Día: 18 de outubro
Hora: 11h
Saída: Camping municipal O Beque (Moaña)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 18 de outubro de 2015 un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do rego da Fraga, integrado nas normas subsidiarias de planeamento provinciais en solo rústico de especial protección de espazos naturais.
O roteiro, primeiro deste outono, será circular e sairá as 11 da mañá fronte ás instalacións do camping municipal de O Beque (Moaña), para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por pista forestal, corredoiras empedradas e camiños de pé, coincidindo con tramos do GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo máis do sendeiro municipal do río da Fraga, polos lugares de Campo Labrado, Regadantes, Pozo da Maceira, Monte Gagán,carballeiras e fervenzas do rego dos Ladróns e da Fraga, O Beque.
Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-1102, á que se accede por un extremo pola estrada PO-313 Marín-Moaña á altura do miradoiro da Fraga, ou, polo outro, pola estrada PO-551 á altura dos semáforos da avda. da Porta do Sol-Meira. O desvío para o camping municipal de O Beque está no núcleo rural da Fraga á altura da Taberna A de Lino.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento , as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.
Os puntos de maior interese a visitar son as carballeiras e plantacións forestais con castiñeiros de Campo Labrado, Regadantes e Pozo da Maceira, plantacións de bidueiros do Monte Gagán, as carballeiras e bosque de ribeira xunto coas fervenzas e pozas dos regos dos Ladróns e da Fraga e os camiños empedrados de subida ao Gagán coa pegada das rodeiras de carro, vestixios civís e etnográficos dun pasado non moi afastado, onde estes camiños eran utilizados como vías de comunicación para os labores tradicionais agroforestais ou para o tránsito a outros núcleos de poboación da comarca. Á beira dos camiños e tamén do rego aínda se atopan os restos dos muros, así mesmo de pedra, de delimitación e defensa das leiras.
O rego da Fraga, cos seus afluentes -incluído o rego dos Ladróns-, con varios nacementos nas zonas máis altas da comarca, entre os 500 e os 600 metros de altitude sobre o nivel do mar (Formigoso, Chan de Xestoso e Coto do Home), conforma unha extensa rede fluvial para unha das principais concas da comarca que, xuntando as súas augas no fértil val que divide as parroquias de Meira e Moaña, emboca na praia da Xunqueira, da que forma parte fundamental na conformación do seu espazo intermareal, de grande valor ecolóxico, social e marisqueiro, na ría de Vigo. A grande forza erosiva do seu caudal natural dende remotas fases xeolóxicas é motivo da formación de numerosas fervenzas e pozas nas zonas altas, algunhas delas de varios metros de caída na rocha granítica, e con suficiente caudal nesta época malia a sequía estival.
Facendo honor ao significado do seu nome, da Fraga, o rego atesoura na súa ribeira os mellores expoñentes de bosque caducifolio atlántico do espazo natural dos Montes do Morrazo, dentro de hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e prioritario de bosques aluviais de zonas atemperadas, a nivel europeo. Tamén posúe outro hábitat natural prioritario con formación de brañas, correspondente a breixeiras húmidas atlánticas. No comezo desta fase estacional contémplase o espectacular cambio cromático da follaxe outonal e da caída da landra e a castaña.
Destacan, ademais das carballeiras, salgueiros e ameneiros, a grande presenza á beira de varios dos afluentes do rego e polos seus arredores, do bidueiro, especie serial adaptada ás áreas de ribeira fluvial nas áreas litorais. Tamén sobresae, dentro dun rico sotobosque de loureiros, sabugueiros, xilbarbeiras, pereiras bravas e sanguiños, a presenza da carrasca branca, a especie maior dentro do xénero dos breixos. Pola grande cantidade de especies de fentos (real, macho, femia, do peite, das pedras, dos carballos,…), de liques e de brións, dada a súa alta humidade e cualidade ambiental. Como así mesmo é de especial interese micolóxico pola grande presenza de fungos, moitos deles micorrícos coas raíces das árbores, e, en especial nesta fase estacional, pola xeración reprodutiva dos cogomelos.
Alberga unha extraordinaria e importante fauna, tanto vertebrada como invertebrada, onde sobresaen as especies de mamíferos e aves, e en especial as de odonatos (libélulas e cabaliños do demo), réptiles e anfibios (rás, sapos, pintafontes e píntegas), adaptadas ás zonas húmidas e o medio acuático, con endemismos como a saramaganta ou a rá patilonga, e que, por cuestións do quecemento global climático e da alteración dos seus hábitats, están entrando nunha fase de regresión e vulnerabilidade.
As principais afeccións desde hai décadas son a alta eucaliptización, e en especial a invasión da acacia de madeira negra, alterando a composición química do solo, reducindo a súa absorción hídrica, incrementando considerablemente a probabilidade de propagación de incendios forestais e reducindo de xeito alarmante a biodiversidade existente.
Cómpre salientar tamén as cortas intensivas de arborado, e dentro del o autóctono, así como as podas e desbroces agresivos afectando, ademais do arborado, ao sotobosque e todo o seu nicho ecolóxico. Como así mesmo o son os vertidos incontrolados de lixo e entullos, e, de xeito puntual, de augas residuais.
As principais ameazas son, na zona máis alta do rego, o proxecto do parque eólico de Pedras Negras e os proxectos de investigación mineira Miñán e Pedrouzos. E un pouco máis abaixo, e de cheo, o proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira, con 435.528 m2 de terreo proxectado e dous afluentes coas súas áreas de ribeira afectados.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita estes proxectos, como así o alegou oficialmente ao longo desta década diante das súas fases de información pública, por supoñer un grande e irreversible impacto no territorio e no medio natural, que ademais non teñen cobertura técnica e legal ao non estar autorizados os usos industriais no solo rústico especialmente protexido, malia que a Xunta de Galiza optou finalmente, de xeito interesado e lesivo, por aprobalos baixo o amaño dos plans sectoriais de incidencia supramunicipal.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo promove un uso sustentábel dos espazos naturais, demandando a substitución das especies alóctonas e invasoras por especies autóctonas, restituíndo a biodiversidade. E unha doada relación entre as actividades humanas a nivel forestal, agrícola, gandeiro, recreativo e cultural, e o medio natural que nos rodea.
Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo (onde está integrada a zona alta do rego da Fraga) e Carballal de Coiro máis outros ampliables.

No hay comentarios:

Publicar un comentario