9 nov 2015

Roteiro pola protección do Monte da Paralaia

Acto: Roteiro pola protección do Monte da Paralaia
Día: 15 de novembro
Hora: 10h
Saída: Igrexa San Martiño (Moaña)
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 15 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte da Paralaia e a súa contorna natural, compartido entre os concellos de Moaña e Bueu e integrado dentro de espazo natural do Carballal de Coiro en solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as NN CC e SS de Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra.
O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá as 10 da mañá do Igrexario de San Martiño (Moaña), para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por vial rural, pista forestal, corredoira e camiños por Outeiro do Cruceiro, A Xalde, Paralaia, Outeiro da Paralaia, Chans de Ermelo, Alto do Xestoso, Toxal de Fonte das Eguas, Mataxente, Xestoso e Xalde.
Os puntos de maior interese a visitar son as carballeiras e soutelos de castiñeiros da Paralaia -de interese natural e forestal-, Cova da Paralaia -de interese xeolóxico, natural e cultural-, Outeiro da Paralaia -penedía granítica con amplas panorámicas dos vales do rego do Inferno e da Fraga e do espazo natural dos Montes do Morrazo-, Chans de Ermelo, con bidueiral e monte baixo de matogueira - de interese natural e agroforestal-, Alto do Xestoso -penedía granítica a 445 metros sobre o nivel do mar que fai de límite entre as parroquias de San Martiño (Moaña) e Santiago de Ermelo (Bueu) e supón a cota máis alta do espazo natural do Carballal de Coiro, con amplas vistas panorámicas da ría de Vigo-, formación de bolos graníticos entre a carballeira e o mato do Toxal de Fonte das Eguas -de grande valor xeolóxico, paisaxístico e natural-, carballeiras e soutelos de castiñeiros de Mataxente e corredoiras empedradas do Xestoso- de grande valor natural, forestal e etnográfico-.
Para se achegar ao lugar de saída accédese pola estrada EP-1104 Abelendo-Coiro, que enlaza coa EP-1001 A Madalena-Coiro na Boubeta ou coa PO-313 Marín-Moaña na Porta do Cego. Unha vez na EP-1104 hai que coller en Abelendo o desvío existente entre o Supermercado Budiño e o centro sociocultural de San Martiño que sobe até o igrexario -hai un sinal que o indica-.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.
A Paralaia contén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, rochedais silíceos con vexetación pioneira, breixeiras secas europeas e breixeiras oromediterraneas endémicas con xesteira. E unha importante fauna e flora salvaxe de baixo do bosque caducifolio mais en especial de zonas altas, rochosas e de monte aberto, ao que fai referencia a propia toponimia – a orixe léxica de Paralaia está directamente relacionado coa pedra como “litotopónimo”, e Xestoso e Toxal da Fonte das Eguas, como ben o indican os seus nomes, co monte baixo da matogueira-.
Atesoura como vestixio arqueolóxico “coñecido” o xacemento inventariado do neolítico da Mámoa da Paralaia, preto das Chans de Ermelo, que proba a presenza humana na zona desde épocas moi remotas. A Cova da Paralaia está relacionada así mesmo coa cultura inmaterial asociada á mitoloxía popular das “mouras” a través do “submundo” do subterráneo.
Os mellores abrigos escollidos entre as penedías foron utilizados desde os tempos remotos até ben entrado o século pasado, en especial, con relación ás actividades silvopastorís como, por exemplo a propia cova da Paralaia ou a impoñente “pedra” do Bolelo, outro exemplo de litotopónimo.
Os camiños empedrados están relacionados co transporte cara aos labores agroforestais e a comunicación no pasado entre parroquias -neste caso de San Martiño (Moaña) con Ermelo e Cela (Bueu)-.
Fóra do espazo natural tamén son de interese os núcleos rurais da Xalde e Outeiro do Cruceiro -de interese arquitectónico, etnográfico e agropecuario-, e o igrexario románico-barroco de San Martiño, -declarado Ben de Interese Cultural de Galiza-, asociado ao Monte do Castro -asentamento prerromano da Idade do Ferro-, cerne da constitución do actual concello de Moaña.
As principais afeccións para o espazo natural son a eucaliptización, a perda do monte baixo e a matogueira a costa de monocultivos forestais de piñeiro, as cortas de arborado autóctono, a falta de silvicultura, a mecanización da xestión forestal que comporta a erosión e soterramento dos camiños antigos e a creación incontrolada de circuitos de bicicletas de montaña e vehículos motorizados, que afecta aos camiños e ao propio medio natural e forestal.
As principais ameazas son o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade no Xestoso e a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo con tres “ubicacións alternativas” de aeroxeradores nas zonas máis altas do propio Monte da Paralaia.
Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro (onde está integrado o monte da Paralaia e a súa contorna) máis outros ampliables.

No hay comentarios:

Publicar un comentario