10 mar 2016

Roteiro pola protección das carballeiras de Ermelo

Acto: Roteiro pola protección das carballeiras de Ermelo
Día: 20 de marzo
Hora: 10h
Saída: Casa da Aldea de Meiro
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 20 de marzo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das carballeiras de Ermelo, no concello de Bueu.
O roteiro, terceiro deste inverno, será circular e sairá ás 10 da mañá da Casa da Aldea de Meiro, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por vial rural, corredoiras e camiños polo rego do Frade, Ermelo, Alto da Esculca, Esperón, Fonte das Augas, Alto do Xestoso, Chans de Ermelo, rego do Frade, Meiro,recollendo partes do trazado do sendeiro de pequeño percorrido de Ermelo e do GR-59 da Ecorrota do Morrazo e mais outras por separado de alto valor ambiental.
Para se achegar ao lugar de saída accédese collendo na estrada PO-551 o enlace da estrada EP-1306 A Portela-Ermelo. A Casa da Aldea está a un kilómetro, na parte final do núcleo rural de Meiro.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación invernal.
As carballeiras de Ermelo forman parte desde o ano 1989 do espazo natural do Carballal de Coiro, catalogado desde aquela ata a actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as NN CC e SS de Planeamento da provincia de Pontevedra.
Estas carballeiras conforman unha masa contínua de arborado que transcorre polos montes das parroquias de Coiro (Cangas), Ermelo (Bueu) e San Martiño (Moaña), sendo o Carballal de Coiro o principal bosque caducifolio atlántico, con predominio da carballeira, da península do Morrazo e un dos máis importantes no conxunto das Rías Baixas.
As carballeiras de Ermelo están declaradas como hábitat de interese comunitario a nivel europeo ao formar parte das carballeiras galaico portuguesas. E nesta época do ano, de fin do inverno e comezo da primavera, ten o atractivo especial de poder observar a formación natural da ramaxe dos carballos cos primeiros brotes da folla anual, o tallo cheo de liques, brións e fentos, e co sotobosque e o chan coas primeiras plantas e arbustos en floración xunto coa presenza de fungos da tempada.
Cómpre salientar que entre as carballeiras de Ermelo se atopa o nacemento dos regos do Frade e Bouzós, polo que a carballeira dá paso tamén a outros ecosistemas de brañas e bosque aluvial de ribeira que na área natural de Esperón alcanza a súa máxima expresión en variedade de especies arbóreas -ameneiros, salgueiros, bidueiros, freixos e carballos- dentro de hábitat natural prioritario.
Alén disto, en Chans de Ermelo existe outra área natural de monte baixo con matogueira dentro doutros dous hábitats de interese comunitario de breixeiras secas europeas e rochedais silíceos con vexetación pioneira. A conxunción de todos estes ecosistemas fan destas áreas naturais un espazo natural dunha grande e importante biodiversidade.
Dentro desa biodiversidade destaca tamén a fauna que, nun estudo feito a finais do século pasado no Carballal de Coiro, amosaba a presenza de máis de 130 especies entre réptiles, anfibios, mamíferos, micromamíferos e aves, entre elas varios endemismos do noroeste ibérico e outras que na actualidade están consideradas como vulnerables ou en perigo de extinción.
Desde o alto da Esculca, situado ao redor dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, pódese gozar dunhas amplas vistas panorámicas da ría de Pontevedra. O alto do Xestoso, tamén coñecido como da Paralaia, situado na penedía sobre os 445 metros de altitude no límite do concello de Bueu co de Moaña, posúe amplas vistas panorámicas da ría de Vigo.
O rego do Frade, dentro de sólo rústico de especial protección de augas entre Ermelo e Meiro, transcorre formando pequenos saltos e fervenzas e conformando ao seu redor un importante bosque aluvial, con presenza de varias especies de ribeira, entre elas algúns dos carballos de maior envergadura da comarca, como o coñecido “carballo da Golvada”. Destaca tamén pola cantidade e tipoloxía de muíños hidráulicos, de cubo e de canle, de mananciais e de áreas asociadas de cultivo forestal e agrícola.
Ermelo, ou o seu topónimo anterior “Hermelo”, é un dos núcleos rurais mellor conservados do municipio de Bueu e da comarca do Morrazo. De orixe medieval, atesoura os vestixios dun antigo eremitorio, principal asentamento monacal do Morrazo ata o século XIX, ao redor da actual ermida. Tamén se poden atopar xacementos prehistóricos na súa contorna natural, como a mámoa de Paralaia, ou os gravados rupestres da Esculca tendo que lamentar a desaparición dos da Pegada do Boi. Rodeado de espazo agrícola conserva os vellos e fondos camiños empedrados que comunicaban a parroquia con outras do Morrazo, ao ter grande importancia no pasado tanto polas súas actividades rurais, derivadas do agro e a gandeiría, como tamén pola súa advocación relixiosa adicada ao apóstolo Santiago.
As principais afeccións para as carballeiras de Ermelo son a eucaliptización, a corta indiscriminada de arborado autóctono e da carballeira, a mecanización das labores forestais, a presenza de vehículos motorizados e a creación agresiva e sen control de circuitos para bicis todoterreo. A mediados da década pasada e, coincidindo coa burbulla construtora e inmobiliaria, as carballeiras de Ermelo e o Carballal de Coiro, estiveron ameazados por un proxecto de investigación mineira para extracción de “granito ornamental”. Na actualidade están ameazadas pola Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo que, entre a súa planificación, contempla a “ubicación alternativa” de tres aeroxeradores entre o monte da Paralaia e Chans de Ermelo.
A catalogación de sólo rústico de especial protección non foi quen de parar esas afeccións e ameazas neste espazo natural nas últimas décadas e polo tanto as carballeiras deberían pasar a ter unha figura de protección estritamente ambiental.
En marzo do 2012 a Plataforma solicitoulle á Xunta a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, onde están integradas as carballeiras de Ermelo, e outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.


No hay comentarios:

Publicar un comentario