26 abr 2016

Presentación "Castelao en el arte europeo"

Acto: Presentación "Castelao en el arte europeo"
Día: 13 de maio
Hora: 20:30h
Lugar: Local do Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O debuxante e caricaturista Siro López participará neste ‘Venres do Ateneo” para presentar o seu último libro, “Castelao en el arte europeo”, publicado no selo Duen de Bux. O acto, aberto ao público, comezará ás 20:30 horas. O Ateneo Santa Cecilia de Marín súmase así aos actos do Ano Castelao 2016 que conmemora o centenario da chegada do autor a Pontevedra, os 75 anos da estrea de “Os vellos non deben de namorarse” e o Día das Artes Galegas que se lle dedicou o pasado mes de abril.
Siro López (Ferrol, 1943) concibiu esta obra en castelán coa intención de dar a coñecer “fóra de Galicia” o legado do artista e ensaísta rianxeiro. Prologado pola catedrática de Historia da Arte Contemporánea María Victoria Carballo-Calero, este libro abrangue toda a faceta plástica de Castelao: caricaturista, humorista gráfico e ilustrador. Así, “viñeta a viñeta”, Siro López comenta os álbumes de guerra ("Galicia mártir", "Atila en Galicia" e "Milicianos")”, “Nós”, “Debuxos de negros”, “Debuxos de cegos”, “As cruces de pedra na Galiza”, “As cruces de pedra na Bretaña” e “Cousas”.
Tamén analiza o diario que Castelao escribiu en 1921 sobre as súas viaxes por Francia, Países Baixos e Alemaña. Ademais, recolle un apéndice de dous textos inéditos: “Castelao e La’Assiette au Verre” e “El concepto de impresionismo en la línea de Castelao”.
O autor refírese a Castelao como “un dos grandes humoristas gráficos europeos e un dos mellores ilustradores de calquera confrontación bélica”. Trátase dunha publicación á que Siro López lle dedicou 40 anos de traballo e estudo.

Vencellado dende hai máis de tres décadas ao xornal La Voz de Galicia, Siro López compaxina o debuxo de humor e a caricatura política coa pintura. Ten publicado varios libros de temática artística. Participou en numerosas exposicións en Galicia, Madrid, Bilbao, Barcelona, Lisboa e Vila Real. A súa obra gráfica está presente en museos e salas de Ferrol, Sada, Fene, Santiago, Ourense, Padrón e Madrid.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario