6 abr. 2016

Roteiro pola protección das carballeiras de Coiro

Acto: Roteiro pola protección das carballeiras de Coiro
Día: 24 de abril
Hora: 10h
Saída: igrexario de Coiro
Organiza: Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 24 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das carballeiras da parroquia de Coiro, no Concello de Cangas.
O roteiro, primeiro desta primavera, será circular e sairá as 10 da mañá do Igrexario de Coiro, para chegar ás 13 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por vial rural, pista forestal, corredoiras e camiños polos lugares de Espiñeiro, Pedra da Pena, Pedra Grande, Chan de Coiro, Serra de Coiro, fervenzas do rego Bouzós, A Fraga, O Carballal e Igrexario de Coiro.
Para se achegar ao lugar de saída accédese pola estrada EP-1001Cangas-Coiro-Madalena. O Igrexario de Coiro está a uns 100 metros en subida desta estrada, tras o paso polo cruceiro e o centro cultural parroquial.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados.
As carballeiras de Coiro dan nome como cabeceira desde o ano 1989 ao espazo natural do Carballal de Coiro, catalogado desde aquela ata a actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as NN CC e SS de Planeamento da provincia de Pontevedra, que, ao longo de 365 has., abrangue tamén as carballeiras de Ermelo, no concello de Bueu, e de Moaña, no concello do mesmo nome.
Estas carballeiras conforman unha masa continua de arborado, sendo o Carballal de Coiro o principal bosque caducifolio atlántico, con predominio da carballeira, da península do Morrazo e un dos máis importantes no conxunto das Rías Baixas.
Espiñeiro, é un exemplo de fitotopónimo, onde na actualidade existe unha área recreativa forestal con plantación de frondosas pertencente ao monte mancomunado da parroquia.
A Pedra da Pena, é un litotopónimo que fai referencia a unha pedra de grandes dimensións que, ergueita sobre os 255 metros sobre o nivel do mar, fai de límite entre as parroquias de Coiro e Moaña. Alén de polo seu grande interese paisaxístico e natural, tamén ten unha enorme importancia cultural ao estar chantada ao redor dun asentamento medieval. Esta pedra aparece en diversas lendas, sobre todo ao redor da noite de San Xoán, asociada á presenza sobrenatural dunha moura, de cabalos brancos e de feitizos e desfeitizos.
A Pedra Grande é outro exemplo de litotopónimo relacionado coa presenza rochosa, onde preto existe outra área forestal mancomunada con plantación de frondosas.
A Chan de Coiro forma parte dunha penechaira onde se atoparon os vestixios arqueolóxicos dunha necrópole adscrita culturalmente entre o Calcolítico e a Idade do Bronce, que amosa a presenza humana pola zona desde tempos prehistóricos.
A Serra de Coiro forma unha longa penedía onde, entre as formacións rochosas en desnivel, existen unhas laxes horizontais con formación de pías que, ao redor dos 325 metros de altitude, fan de miradoiro natural con amplas vistas panorámicas da contorna da ría de Vigo -Serra do Galiñeiro, Monte Alba, Montes de Coruxo, Monteferro, Serra da Groba, Cabo Silleiro, Illas Cíes, Montes de Varalonga, Castelo e Mesa de Montes-, dun grande valor xeomorfolóxico e paisaxístico.
As fervenzas do rego Bouzós, ao pé da Serra e entre a carballeira, son dunha singularidade e beleza especiais. O rego Bouzós, exemplo de hidrotopónimo, é o principal curso fluvial que, tendo o seu nacemento preto das Chans de Ermelo, no concello de Bueu, atravesa os montes da parroquia, con varios afluentes ao longo da súa conca, que forman un ambiente especialmente húmido e nemoral.
Debaixo do seu bosque de ribeira, de asociación ameneiro e salgueiro, crece e desenvólvese unha extraordinaria biodiversidade a nivel botánico e faunístico, rica especialmente en especies de fentos, liques e brións, excelentes bioindicadores da calidade atmosférica, hídrica e ambiental destes ecosistemas, considerados hábitat natural prioritario a nivel europeo.
A Fraga é un fitotopónimo que fai referencia á presenza do arborado caducifolio, en especial da carballeira, que, nesta zona e á beira do tramo máis profundo do rego Bouzós, presenta as masas máis densas e tupidas, acompañadas de exemplares doutras especies arbóreas e arbustivas como castiñeiros, loureiros, sabugueiros,pereiras bravas, sanguiños, xilbarbeiras,...
O Carballal é outro exemplo de fitotopónimo relativo á importante presenza do carballo, como especie, e da carballeira, como o seu bosque identitario, que no Morrazo e en boa parte do noroeste ibérico representa, dentro da sucesión ecolóxica, a vexetación clímax ou “potencial” desde os albores da última fase postglacial ata a actualidade.
As carballeiras galaico-portuguesas, onde están integradas así mesmo as carballeiras de Coiro, están consideradas hábitat de interese comunitario a nivel europeo.
Amais de pola súa importancia biolóxica, estas carballeiras e bosques de ribeira son importantes polos seus usos tradicionais e o respecto á biodiversidade que atesouran, en especial a nivel medicial, fonte da sabiduría local transmitida desde tempos antergos ata a actualidade.
O Igrexario de Coiro, construído no século XVIII e de estilo barroco, está asentado sobre unha antiga necrópole romana e medieval e na proximidade do asentamento da Idade do Ferro e Romano do Castro de Pedralán.
Desde o adro, situado nun outeiro, e fronte á Serra da Madalena, hai unhas excelentes vistas panorámicas do fértil val que, a nivel rústico e agropecuario, conforma o rego Bouzós pola parroquia no seu tramo medio ata a súa embocadura na ría, preto do núcleo urbano da vila.
As principais afeccións para as carballeiras de Coiro son os monocultivos forestais, a eucaliptización, a invasión de acacias e falsas acacias, a corta indiscriminada de arborado autóctono e da carballeira, as verteduras incontroladas de terras e entullos, os vehículos motorizados e a creación agresiva e sen control de circuitos para bicis todoterreo.
A mediados da década pasada e coincidindo coa burbulla construtora e inmobiliaria, o conxunto do espazo natural do Carballal de Coiro, estivo ameazado por un proxecto de investigación mineira para extracción de “granito ornamental”.
Na actualidade, os montes da parroquia están ameazados polo proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo que, no momento da súa construción a principios da década pasada, xa producíu un grande e irreversible impacto no territorio.
A catalogación de solo rústico de especial protección non foi quen de parar esas afeccións e ameazas neste espazo natural nas últimas décadas e polo tanto estas carballeiras deberían pasar a ter unha figura de protección estritamente ambiental.
En marzo do 2012 a Plataforma solicitoulle á Xunta a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, e outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario