15 sept 2016

Homenaxe aos que defenderon a liberdade

Acto: Homenaxe aos que defenderon a liberdade
Día: 18 de setembro
Hora: 13h
Lugar: Pozo da Revolta (Bagüín, Mogor)
Organiza: Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín
Como cada setembro, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín homenaxeará o vindeiro domingo, día 18, os homes e mulleres executados ao longo do verán do ano 36 e no 37, por defenderen os ideais de liberdade, na procura dun mundo máis xusto.
O acto terá lugar no Pozo da Revolta, en Bagüín (Mogor), escenario da barbarie franquista que deixou un forte impacto nas xentes de Marín e do Morrazo.
Comezará ás 13:00 h, coa intervención da profesora e escritora Susana Sánchez Aríns, que publicou o seu último libro, Seique, que relata “a historia dun fascista tan sen importancia que nin sequera aparece nos arquivos, mais si que existíu, deixando marcas que as súas vítimas non esquecen”.
Farase unha ofrenda floral ante o monumento en recordo das vítimas e contaremos coas actuacións do cantor local Samu Acuña e as violinistas Tati e Lía.

Recuperar a memoria é un acto necesario para que non esmorezan os nomes das persoas valentes que pereceron no empeño de manter a xustiza e a liberdade, contra a brutal represión fascista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario