4 oct 2016

Inauguración da exposición “Palabra de artista”

Acto: Inauguración da exposición “Palabra de artista”
Día: 7 de outubro
Hora: 20h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia inaugurará este venres, ás 20h, a exposición do proxecto “Palabra de artista” que se poderá visitar no local do ateneo ata o 29 de outubro.
“Palabra de artista” é unha exposición que conta coa participación de 38 creadores e colectivos unidos para encher o ámbito urbano de frases.
Tras unha primeira edición en 2014 -comisariada por Andrea Domínguez Torres, Rebeca López Villar e Azalea Santiago Rey como unha proposta académica para a Facultade de Belas Artes de Pontevedra- o proxecto volveu ás rúas en setembro e outubro deste ano, ao abeiro do programa Iniciativa Xove da Xunta. A organización ampliouse coa incorporación de Sheila Broullón Davila, Elizabeth Cereijo Martín e Pablo Loureiro Costa.
Cada artista achegou unha única peza, consistente nunha frase escrita con letras brancas sobre fondo negro nun cartel rectangular rodeado dun marco branco. Neste momento, “Palabra de artista” desenvólvese simultaneamente en seis cidades galegas: Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña. O obxectivo é inundalas de palabras: as que o público precisa ler e oír; as que o artista desexa transmitir.
Con esta acción, o artista reivindica o seu discurso nun contexto no que son outros os actores sociais que impoñen as tendencias culturais, estéticas e de pensamento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario