4 oct 2016

Actuación de Isabel Risco

Acto: Actuación de Isabel Risco
Día: 7 de outubro
Hora: 21h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia de Marín acoller este venres a actuación da actriz Isabel Risco, ás 21:00 horas, que interpretará un monólogo humorístico caracterizada como Nabiza Girl.
Nabiza Girl é unha “superheroína rural galega con denominación de orixe protexida” cuxos poderes proveñen do “sulfato”. Ataviada con luvas, capa, fouce e zocas, contará as súas aventuras e peripecias por Galicia adiante, atendendo a quen a reclama botando un aturuxo.
Actriz, clown e pedagoga teatral, Isabel Risco ten una ampla formación con artistas escénicos. Leva 16 anos vencellada ao teatro profesional galego a través de compañías como Espello Cóncavo, Os sete magníficos máis un, Manicómicos, Producións Desaqueloutradas e Maquinaria Pesada. Tamén traballou en series de televisión tan coñecidas como Padre Casares e programas da TVG como O Show dos Tonechos e Land Rober, ademais de anuncios, curtametraxes e películas como “9 Ondas”.
Esta función forma parte do programa Pontegal da Deputación de Pontevedra. No acceso á sala os socios e socias do Ateneo achegan unha doazón dun euro; dous euros os non socios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario