4 nov 2016

Concerto de Miriam Sandoval

Acto: Concerto de Miriam Sandoval
Día: 18 de novembro
Hora: 21h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
A cantautora arxentina Miriam Sandoval actuará neste ‘Venres do Ateneo’, a partir das 21:00 horas, para ofrecer un recital de cancións co lema “Gracias a la vida”, en homenaxe á súa compatriota Mercedes Sosa, considerada a máxima figura do folclore arxentino e unha das principais voces da música popular latinoamericana.
No seu repertorio non faltarán temas tan emblemáticos como “Alfonsina y el mar”, “Canción con todos”,“Todo cambia”, “María María” ou a que lle dá título ao espectáculo, “Gracias a la vida”. Miriam Sandoval estará acompañada por Andrea Navarrete tocando o acordeón, José ‘Pabero’ Troncoso na percusión e Juan Santomé ao contrabaixo.
Nacida en Bos Aires en 1966, Miriam Sandoval reside en Vigo dende hai máis de dúas décadas; un tempo no que foi adquirindo influencias da cultura galega, sen perder as súas raíces porteñas. Así, no máis recente dos tres discos que ten publicados, “Renacer”, ten musicalizado un poema de Celso Emilio Ferreiro, ademais de incluír outras composicións propias e versións en castelán e inglés.
Nesta ocasión, “Gracias a la vida” non só abrangue composicións de Mercedes Sosa, senón tamén cancións doutros recoñecidos cantautores latinoamericanos como Víctor Jara, Violeta Parra, Silvio Rodríguez ou León Gieco. A poesía será o fío condutor desta actuación, caracterizada pola perfecta interpretación vocal e melódica. Da traxectoria de Miriam Sandoval, que tamén é profesora de canto, destacan premios en certames de canción de autor celebrados en Galicia e Portugal.
Este recital enmárcase no ciclo ‘Pontegal’ da Deputación de Pontevedra e conta coa colaboración do Consulado Xeral de Arxentina en Vigo. No acceso á actividade os socios do Ateneo achegan unha doazón de 1 euro; 2 euros no caso dos non socios. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario