3 nov 2016

Presentación do libro “Análise estrutural e simbólica do mito da moura”

Acto: Presentación do libro “Análise estrutural e simbólica do mito da moura”
Día: 18 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín presentará o libro “Análise estrutural e simbólica do mito da moura” o 18 de novembro ás 20h no Museo Manuel Torres.
A Asociación Queremos Galego Marín continua, despois de pór en marcha o Club de Lectura de Textos Teatrais, coas súas actividades a prol da cultura e lingua galegas, e programa para o vindeiro 18 de novembro, a presentación do novo libro do escritor e antropólogo pontevedrés Rafael Quintía Pereira “Análise estrutural e simbólica do mito da moura”.
Este rigoroso ensaio fala sobre o valor simbólico da moura como herdeira das deidades femininas arcaicas, deslingándoo do concepto amplo “mouros”, para chegar á cerna das deusas da terra e a súa transformación despois da cristianización, en diversas manifestacións da virxe, que se apropia das cualidades positivas da moura, permanecendo as negativas para as bruxas ou as mouras pagás.
Rafael Quintía, quen con este ensaio gañou o XX Vicente Risco de Ciencias Sociais do ano 2015, é un coñecido antropólogo, economista, escritor e músico pontevedrés que leva anos traballando no campo da investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía social e cultural de Galiza.
Rafael Quintía non é a primeira vez que é o protagonista dun acto da Asociación Queremos Galego Marín. A súa sabedoría e as numerosas obras que ten publicadas fai que sexa un dos autores habituais que participan nalgunha charla ou presentan os seus libros en Marín coa nosa asociación.
Entre os seus ensaios cómpre destacar “A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero”, gañadora no ano 2010 do Premio de Investigación Luis Cuadrado.
É autor do blogue “A sombra do Bouza Panda” onde publica numerosos artigos etnográficos, antropolóxicos e históricos ademais de dar conta das súas numerosas viaxes ao redor do mundo para coñecer e dar a coñecer outras culturas.
É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), dentro da cal é o codirector da súa colección de monografías e coordinador e redactor da publicación “Caderno de Campo. Boletín informativo da Sociedade Antropolóxica Galega”. Alén destas funcións dentro de SAGA, tamén dirixe a publicación “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”, cabeceira que fundou no 2006.
Ademais de ensaios, Rafael Quintía ten publicado un libro de poesía, “Á Sombra de Bouza Panda. Poemario de escarnio e maldizer.”, e é director e guionista do documental “Comuneiros. Cen anos de Vida e loita polo monte de Salcedo”, codirector e coguionista dos documentais “Sete Camiños, encrucillada no tempo”, “Monte do Seixo, a Montaña Máxica” e da curta “Noite de Reis cos Chichisos”, colaborando tamén na realización do documental “Terra das Marabillas” da xornalista Ana Lois.


No hay comentarios:

Publicar un comentario