22 nov. 2016

Homenaxe a Francisco Carballo

Acto: Homenaxe a Francisco Carballo
Día:  29 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Alameda Rosalía de castro
Organiza: Almuinha
Este martes día 29 de novembro a A.C. Almuinha organiza un pequeno e sinxelo acto de lembranza da figura de Francisco Carballo Carballo, coincidindo coa data do seu pasamento.
O acto terá lugar na Alameda Rosalía de Castro de Marín ás 20:00h. e consistirá nunha ofrenda floral e na lectura dunhas breves palabras coas que a asociación lembrará, e dalgún xeito homenaxeará a Francisco Carballo.
Almuinha contará ademais coa participación do grupo “Os de Marín” que interpretarán dúas pezas: A Marcha do Antigo Reino de Galiza e o Himno Galego.
Francisco Carballo naceu en Maceda no ano 1925 e finou en Salamanca o 29 de novembro de hai 2 anos, en 2014. Escritor, profesor, historiador, sacerdote e teólogo, a súa vida estivo marcada polo seu profundo compromiso coa Terra.
Foi unha persoa moi vinculada a Marín, xa que estivo durante moitos anos no colexio San Narciso, como profesor e aínda como director do centro algún anos.
Con 16 anos foi estudar a Madrid cos Padres Paúles onde estaría 4 anos, até que marchou a Cuenca para seguir os seus estudos filosófico-teolóxicos outros 4 anos máis, e máis tarde licenciouse en Historia cun Sobresaliente pola Universidade Complutense de Madrid.
O seu forte compromiso coa Terra levouno a participar intensamente da cida cultural, relxiosa e política galega.
Foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977, xornal de referencia no movemento nacionalista galego e un colaborador constante en innumerábeis ámbitos.
No ano 1979 presentouse como candidato ao Senado polo BNPG e en 1981 foi condenado a 6 meses de prisión e a unha multa por calumnias á policía na obra colectiva “Historia de Galicia”
Autor dun bo número de libros, nos que tratou diferentes temáticas como os relacionados coa igrexa galega, a historia de Galiza e figuras importantes da nosa historia como Castelao, Alexandre Bóveda, Martín Sarmiento, Moncho Reboiras ou Xosé Chao.
A súa meirande produción escrita foi en galego, como non podía ser doutro xeito, debido ao seu forte compromiso con Galiza e cos seus sinais de identidade, mais tamén deixou algunha publicación en castelán.




No hay comentarios:

Publicar un comentario