7 nov 2016

Magosto da Asociación Queremos Galego Marín

Acto: Magosto
Día: 19 de novembro
Hora: 17h
Lugar: Praza do Reloxo
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
O vindeiro 19 de novembro a Asociación Queremos Galego Marín organiza un magosto a partir das 17 na Praza do Reloxo. Haberá castañas, música, contacontos e xogos populares de balde.
A Asociación Queremos Galego Marín organiza por cuarto ano consecutivo un magosto no que repartirá uns 100 quilos de castañas entre as persoas que se acheguen á Praza do Reloxo – no caso de chuvia o magosto sería no multiusos da praza de abastos- o sábado 19 de novembro a partir das 17h.
Como en anos anteriores, ademais de castañas asadas de balde, tamén haberá para as e os máis pequenos, e non tanto, xogos populares – a billarda, a ra, a chave, carreiras de sacos... – cos  que colabora neste magosto a asociación Gharaboto. Tamén contaremos coa música dos grupos “Os de Marín” e “Picuíña” e co poeta e escritor Miguel Ángel Alonso Diz -autor de libros infantiles como “O cullarapo Croque”, “A nena á que non deixaban ser feliz”, “O soño de Esther” ou “O valente coello que quixo soñar”- quen fará unha contada para as e os máis pequenos.
Durante o magosto, no que colabora a Concellaría de Cultura, tamén se sortearán varios lotes de libros.
No marco da cultura popular, o Magosto ten un lugar fundamental, como as festas anuais en xeral pois constitúen algunhas das manifestacións máis xenuinas da nosa cultura coas que se poden abordar aspectos sociais, económicos, psicolóxicos, musicais...xa que nelas están presentes as crenzas e o sobrenatural, a vida comunitaria, a organización social, os produtos agrarios, as estacións.
Alén de contribuír na vixencia desta tradición, un dos obxectivos da asociación é que as novas xeracións se interesen pola cultura tradicional do noso pobo, moi vinculada coa lingua, que valoren e respecten o patrimonio natural, cultural, lingüístico, artístisco, histórico e social, concienciándose da súa importancia e da necesaria implicación na súa conservación e mellora.
Neste sentido o Magosto, que estivo moitos anos en crise, e as actividades complementares que se propoñen ao redor del, proporciónannos a oportunidade de compartirmos un tempo de lecer con persoas de distintas idades e procedencias ao redor dun produto tan noso como a castaña. 
Cómpre resaltar tamén que con esta tradición a cidadanía toma conciencia da importancia dunha árbore, como o castiñeiro, que ao longo da historia tivo un papel destacado na alimentación de amplas zonas do planeta. E que, a pesar de que coa chegada dos cultivos americanos as masas de castiñeiros e a importancia da castaña foron desprazados, existe unha economía ao redor da castaña que, ademais de manter centos de postos de emprego, fixa poboación no rural galego.


No hay comentarios:

Publicar un comentario