21 dic. 2016

Actuación de Peter Punk

Acto: Actuación de Peter Punk
Día: 26 de decembro
Hora: 17h
Lugar: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Ateneo Santa Cecilia, dentro da súa programación do nadal, ofrece a actuación, o luns día 26, do pallaso galego Peter Punk que representará na Alameda Rosalía de Castro, a partir das 17:00 horas, o espectáculo “A Chungatrona”, co que gañou o premio do público no Festival Festiclown de Rivas-Vaciamadrid en 2013.
A actuación, aberta ao público, destaca polo protagonismo dun trebello mecánico e polo carácter participativo dos xogos, que farán rir a pequenos e a maiores.
O humorista vigués Isaac Rodríguez Miranda -alter ego de Peter Punk- suma centos de funcións por Galicia, Cataluña, Euskadi, Madrid, e mesmo xiras en países europeos e latinoamericanos. Pola súa traxectoria ten recibido distincións en certames como MundoClown.
O personaxe de Peter Punk evoca o habitante literario do país de Nunca Xamais; un neno que se nega a medrar e que interpela constantemente o público na súa posta en escena irreverente e desenfadada, combinando a palabra e a súa destreza facendo enredos e malabarismos cos curiosos obxectos que porta nunha maleta.


No hay comentarios:

Publicar un comentario