30 jun 2017

Conferencia: A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36

Conferencia: A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36
Día: 6 de xullo
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín
O vindeiro xoves día 6 ás 20:30 h terá lugar, no Museo Municipal Manuel Torres, a inauguración da exposición Do Gris ao Violeta, presentada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín e que se poderá visitar ata o 19 de xullo.
A xornalista e escritora Montse Fajardo, autora de Matriarcas e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que pasou,ofrecerá a conferencia “A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36”; no acto intervirán, ademais, Luís Bará, autor de “Non des a esquecemento” e a profesora Ana Acuña, en representación a Asociación da Memoria de Marín.
A exposición trata de manter viva a memoria das mulleres represaliadas durante a Ditadura Franquista, polo seu activismo político e social.
A historia das mulleres de Marín, protagonistas activas xa dende a primeira folga no 1903 e 1904, deixou na nosa vila un regueiro de loitadoras agrupadas en distintas asociacións como “El Porvenir de la Mujer”, integrada na Federación Obreira de Marín(UGT). A súa loita foi constante para mellorar a súa condición laboral, figurando o noso concello como un dos lugares pioneiros na defensa dos dereitos das traballadoras galegas.
Na folga de 1915, a máis dura, as mulleres solidarizáronse cos mariñeiros en folga e mesmo foron detidas polas manifestacións feitas en público en defensa destes. Desde a Federación Obreira no 1919 legalízase a asociación “Conserveras y Trabajadoras del Salazón de Marín” e outra denominada “Atadoras de Marín y sus Contornos”. Durante os anos 30 continúan as súas reivindicacións e nas xuntas directivas das sociedades de mulleres son elas as que ocupan a presidencia. E na Ditadura Franquista, aquelas que destacaron na loita polos seus dereitos, foron xulgadas e detidas pola súa actividade política;  rapadas, presas, deportadas e mesmo asasinadas, como no caso de Carme Pesqueira.
Desde a Asociación lembran a súa loita, que xira arredor do mundo do mar e as fábricas de salgadura e conservas, na defensa do seu traballo e reivindicando melloras para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.



No hay comentarios:

Publicar un comentario